O Goberno español planea ter aprobada a reforma das pensións esta semana

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións convocou na tarde desta segunda feira os axentes sociais para achegar posicións sobre a proposta presentada a semana pasada e os documentos que lles trasladou durante a fin de semana.
O ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Goberno español planea a posibilidade de convocar un Consello de Ministras e Ministros extraordinario esta quinta feira para aprobar a reforma de pensións, e dar así tempo aos sindicatos para que o consulten antes cos seus órganos de dirección, segundo informaron fontes da negociación.

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións convocou na tarde desta segunda feira os axentes sociais para achegar posicións sobre a proposta presentada a semana pasada e os documentos que lles trasladou durante a fin de semana.

Tanto UXT como CCOO manifestáronse na sexta feira, tras a reunión, conformes cos avances e viron posíbel o acordo, aínda que deixaron aberta a negociación ao estudo deses documentos e á reunión desta segunda feira.

A Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) xa expresou a súa "frontal oposición" ás formulacións do Executivo estatal sobre a segunda parte da reforma de pensións, polo que non se espera que cambie de opinión.

Se o Ministerio que dirixe José Luis Escrivá chegar a un acordo cos sindicatos, estes terán que someter a decisión aos seus órganos internos. CCOO ten previsto reunir o seu Consello Confederal a cuarta feira pola mañá, segundo aseguraron fontes sindicais.

A segunda parte da reforma das pensións chega con perto de tres meses de atraso, xa que a idea inicial do Goberno, comprometida con Bruxelas, era presentar estas novas medidas antes do 31 de decembro de 2022.

As negociacións políticas desbloqueáronse a semana pasada, despois de que os socios de coalición de Goberno, PSOE e Unidas Podemos, alcanzasen un acordo para sacar adiante a reforma.

Á espera de que a negociación cos axentes sociais poida introducir algún cambio no texto que presentou o Goberno, as principais novidades da reforma contemplan a suba das bases máximas de cotización (actualmente en 4.495 euros), que se fará entre 2024 e 2050. Esta consistirá en ir sumándolle á contía anual do IPC unha contía fixa de 1,2 puntos porcentuais.

Pola súa parte, as pensións máximas revalorizaranse ano a ano coa contía anual do IPC máis un incremento adicional de 0,0115 porcentuais acumulativos cada ano até 2050. A partir de 2050 e ata 2065 haberá incrementos adicionais.

Co mesmo obxectivo de mellorar os ingresos do sistema, o Goberno expuxo unha "cota de solidariedade" para a parte do salario que actualmente non cotiza por superar o tope máximo de cotización. Esta será de 1% en 2025 e irá aumentando a un ritmo de 0,25 puntos por ano até chegar ao 6% en 2045.

Equidade inetrxeracional

Tamén para mellorar os ingresos do sistema o Mecanismo de Equidade Interxeracional ou MEI vai pasar dos 0,6 puntos porcentuais actuais a 1,2 puntos porcentuais en 2029, a un ritmo dunha décima de subida por ano para reforzar o sistema durante os anos nos cales pode haber unha maior tensión pola xubilación da xeración do baby boom.

Outra das medidas máis importantes desta reforma para modernizar o sistema de pensións é a posibilidade de elixir o período de cómputo da pensión. Para os próximos 20 anos estabelecerase un réxime dual do período de cómputo, que permitirá escoller entre estas dúas posibilidades: os 29 últimos anos de carreira, descartando os 2 anos peores; e o período de cómputo actual (25 últimos anos).

A primeira posibilidade despregarase progresivamente durante 12 anos a partir de 2026. O principal obxectivo desta norma será beneficiar aos traballadores con carreiras irregulares e precarias.

Comentarios