Reunión chave en Bruxelas para determinar o futuro da pesca de arrastre

O ministro español Luis Planas defenderá no encontro cos seus homólogos europeos desta segunda feira que a sustentabilidade dos mares e océanos é "perfectamente compatíbel" coa rendibilidade da actividade pesqueira.
Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
photo_camera Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre. (Foto: Nós Diario)

Os ministros e ministras de Agricultura e Pesca da Unión Europea (UE) abordarán na súa reunión desta segunda feira os plans da Comisión Europea para eliminar gradualmente a pesca de arrastre de todas as zonas mariñas protexidas do territorio comunitario para 2030, fronte ao que o Goberno español defende que a sustentabilidade dos mares e océanos é "perfectamente compatíbel" coa rendibilidade da actividade pesqueira.

Así o asegurou o ministro do ramo, Luis Planas, durante o pleno do Senado do pasado 7 de marzo, cun argumento que xa avanzou que volverá utilizar esta segunda feira para evitar que se "demonice" o sector. Planas expresou tamén a necesidade de actuar con cautela á hora de regular a pesca de arrastre, un sector que conta con 805 buques no conxunto do Estado español —algo menos de 10% do total da frota—, cuxa actividade xa está sometida a restricións en determinadas zonas peláxicas ou semipeláxicas.

"Non estamos de acordo; non se debe demonizar a pesca de arrastre porque alí onde se aplica prodúcese o rendemento básico sostíbel e a recuperación do stock pesqueiro. Se tivese que resumir as tres comunicacións e o informe da Comisión, diría que está desenfocado e desequilibrado, porque non responde á pregunta fundamental do abastecemento alimentario e porque non ten en conta as necesidades da rendibilidade económica e as consecuencias sociais", argumentou agora, á súa chegada á xuntanza desta segunda feira.

O plan de Bruxelas é reducir o impacto da pesca nos fondos mariños dada a súa importancia como puntos quentes da biodiversidade mariña da UE, para o que se empraza os Estados membro a propor recomendacións conxuntas e adoptar medidas a nivel estatal para eliminar gradualmente a pesca de fondo en todas as zonas protexidas, como moi tarde, en 2030 e non permitila en ningunha de nova creación.

Estas medidas, apuntou o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, buscan restaurar os ecosistemas mariños e reducir o impacto das actividades pesqueiras no medio mariño con base no compromiso da Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030 de garantir a protección xurídica dos seus mares coa ampliación das zonas mariñas protexidas do 12% actual a 30%.

Na súa comunicación emitida o pasado 21 de febreiro, Bruxelas define a pesca de arrastre como "unha das actividades máis estendidas e prexudiciais para os fondos mariños e o medio ambiente", o que xa suscitou as críticas do sector, nomeadamente desde organizacións como Europeche ou a Alianza Europea da Pesca de Fondo (EBFA), que rexeitan o obxectivo de eliminar progresivamente esta arte.

A estas queixas sumáronse tamén as de varios ministros da UE, como é o caso do propio Planas ou do seu homólogo francés, Hervé Berville, quen tamén manifestou a súa "total oposición" á aplicación da prohibición das artes de fondo nas zonas mariñas protexidas. No entanto, Sinkevicius aclarou que a Comisión non propón a prohibición, senón que pide aos Estados membro que apliquen todas as medidas pertinentes antes de marzo de 2024, e só entón, unha vez avaliadas, Bruxelas poderá presentar unha proposta lexislativa.

Acordo pesqueiro con Marrocos

Por outra parte, as delegacións letona, lituana e polaca achegarán información sobre o futuro do protocolo do acordo de asociación pesqueira entre a UE e Marrocos, que caduca o próximo xullo, e que podería quedar en suspensión xa que a súa renovación depende dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), que xa o anulou por incluír o Sáhara Occidental, un territorio pendente de descolonización.

Este acordo de pesca permite que un total de 128 buques da UE procedentes do Estado español, Portugal, Francia, Alemaña, Lituania, Letonia, Polonia, Países Baixos, Irlanda, Italia e Reino Unido faenen na zona económica exclusiva de Marrocos. A suspensión do acordo pesqueiro entre Bruxelas e Rabat pode afectar especialmente a frota estatal, posto que é a máis beneficiada da Unión: dos 128 buques que teñen autorización para pescar en augas africanas, 92 teñen pavillón español.

Neste senso, fontes diplomáticas confirmaron que o Goberno español manifestará a súa "preocupación", mentres que a súa prioridade é lograr "cando antes" un acordo que cumpra "con todas as garantías xurídicas", se ben precisaron que están previstas axudas estatais para a frota afectada no posíbel caso dunha suspensión.

Comentarios