O Goberno español reforza o emprego temporal e legaliza as horas complementarias

O executivo español aproba un decreto-lei co que regula as "horas complementarias" que permitirán ao empresariado demandar horas extras @s traballador@s a tempo parcial mesmo sen preaviso. Aliás, autorizará o despido libre tamén nos contratos en formación a tempo parcial e incrementa o espazo de actuación das ETT. 

AR_RuedaConsejo201213_01
photo_camera [Imaxe: La Moncloa]

A ministra de Traballo, Fátima Báñez, presentou a pasada sexta feira en comparecencia de imprensa os decretos aprobados na súa área polo Consello de Ministr@s. Através do decreto-lei, o executivo español continúa afondando na liberalización do mercado de traballo e favorecendo os intereses da patronal que demanda unha maior "flexibilidade" no traballo. 

Así, Madrid introduce, entre outras, tres mudanzas fundamentais en materia de empregabilidade que reforzan a contratación temporal. Neste senso, en aras de "axilizar" a tramitación dos contratos, o Ministerio de Traballo, 

  • Introduce as denominadas "horas complementarias" nos contratos temporais e indefinidos. Este concepto --que no concreto ben a supor a legalización das horas extraordinarias-- autorizará @s empresari@s a demandar horas de traballo fóra do estabelecido no contrato. Neste senso, poderán ser "pactadas" até un máximo do 30% da xornada prorrogábeis até o 60% se así o recoller o convenio colectivo. Para isto, a empresa deberá avisar @s traballador@s con 3 días de adianto --até o momento o prazo situábase, no mínimo, en 7. No entanto, o goberno español crea tamén con este novo decreto-lei as denomiadas "horas complementarias voluntarias" que poderán ser requeridas @ empregad@ no mesmo día. Estas horas só poderán desenvolverse naqueles casos en que o contrato sexa indefinido a tempo parcial e non poderán superar o 15% da xornada laboral, prorrogábel até o 30% se así o fixar o convenio colectivo. Con estas mudanzas, a xornada laboral cun contrato a tempo parcial podería chegar até o 90% das horas dun contrato a tempo completo.
     
  • Despedimento libre nos contratos a tempo parcial. O goberno español, através do Ministerio de Traballo, amplía o contrato de emprendedores creado coa reforma laboral para aquelas contratacións a tempo parcial. Esta modalidade contractual autoriza o despedimento libre durante o primeiro ano e conta con importantes bonificacións fiscais. 
     
  • Aumenta o ámbito de actuación das Empresas de Traballo Temporal (ETT). Con este novo decreto-lei o executivo español autorizará ás ETT a formalizaren contratos de prácticas dirixidos a outras empresas. Embora até o momento teren prohibido desenvolver este tipo de contratos, o Ministerio de Traballo dá luz verde a que as ETT se convertan en intermediarias para a procura de persoal en prácticas. Fátima Báñez argüíu a medida á procura de facilidades para que a mocidade consiga o seu primeiro traballo. A medida, acrecenta as mudanzas introducidas pola reforma laboral que permite encadear este tipo de contratos até os 33 anos con remuneracións inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI). 

Comentarios