O Goberno español presentará nuns meses o seu plan para introducir o pago de uso das autovías a partir de 2024

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez avanzou que xa se están realizando diferentes estudos e análises para determinar que sistema se implementará.
peaxe

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, anunciou que o Goberno español presentará "nuns meses" a súa proposta para implementar o pago de uso nas vías de alta capacidade da rede de estradas do Estado para empezar a se aplicar a partir do 2024.

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Sánchez avanzou que xa se están realizando diferentes estudos e análises para determinar que sistema se implementará, aínda que asegurou que será unha  tarificación "xusta, rigorosa e sostíbel".

O obxectivo desta medida, que xa implantaron 24 dos 27 países da Unión Europea, segundo a ministra, é obter recursos adicionais para manter a conservación das estradas en bo estado de seguridade, unha partida que agora acumula, dixo, un déficit de 9.000 millóns de euros debido á gratuidade actual das autovías, cuxos recursos procedentes dos Orzamentos do Estado “non son suficientes”.

O Goberno español xa se comprometeu con Bruxelas a adoptar un novo sistema de 'pago por uso' nas estradas a partir de 2024, no marco da recepción de todos os fondos europeos que España recibirá para a recuperación económica

Debido ás críticas que esta medida levantou desde que o seu predecesor no cargo, José Luis Ábalos, a anunciase hai uns meses, a ministra insiste en que se tratará dun sistema "que se someterá ao debate e á análise dos axentes sociais, económicos e do sector do transporte".

Ademais, o Goberno español xa se comprometeu con Bruxelas a adoptar un novo sistema de 'pago por uso' nas estradas a partir de 2024, no marco da recepción de todos os fondos europeos que España recibirá para a recuperación económica tras o paso da pandemia.

A ministra salientou que o sistema resultante buscará que non se xeren agravios territoriais, algo que agora pasa debido a que hai territorios con peaxes e outras sen eles e mesmo algúns máis caros que outros.

"Buscaremos o consenso político para establecer un sistema que estea á altura e para o cal xa se está analizando a mellor opción", concluíu Sánchez, asegurando que o resultado se presentará de aquí a uns meses.

A secretaria de Estado de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, asegurara nesta segunda feira que é "imperativo" o pagamento da taxa de uso nas autovías, e apelou a "non aprazalo máis".

Comentarios