O Goberno español abre a porta a revisar o recibo da luz para facelo máis equitativo

A ministra Teresa Ribera recoñece que o Goberno español está a traballar nunha proposta máis equitativa na distribución de custos das persoas consumidoras.
A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, durante a súa intervención no Congreso na sesión de control ao Goberno español (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press).
photo_camera A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, durante unha intervención no Congreso. (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press).

O debate suscitado arredor do novo recibo da luz obrigou o Goberno español a mover ficha. Onte, durante unha intervención no Congreso das Deputadas, a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, recoñeceu que o Goberno español traballa "nunha proposta máis equitativa na distribución de custos dos consumidores".

A ministra tamén dixo que o prezo da electricidade se irá abaratando segundo se vaia "consolidando esa proposta de enerxías renovábeis baratas, alcanzábeis e predicíbeis". Lamentabelmente, engadiu, "non controlamos o prezo do gas natural nos mercados internacionais, nin do CO2".

Segundo argumentou Ribera, a nova factura beneficia "a todas as persoas consumidoras" e "en particular" a aquelas que poden desprazar consumos ás horas nas que a rede "está máis conxestionada", limitando así o seu desgaste e, polo tanto, as necesidades de novos investimentos e máis custos fixos.

Durante a súa intervención, a titular de Transición Ecolóxica tamén respondeu as críticas da oposición, nomeadamente as do Partido Popular, ao cal lembro que a factura deseñada polo Executivo de Mariano Raxoi se baseaba en que "todo o mundo pagaba o mesmo con independencia do que consumise" e que, ao pouco de chegar ao Goberno en 2018, así llo recoñeceu o entón comisario europeo e ex ministro popular Miguel Arias Cañete

Así, a ministra acusou o PP de seguir "no negacionismo climático" e empeñados en manter un sistema "sucio, custoso e contrario ao dereito da Unión Europea", remachou Ribera.

Vontade e formación

Na mesma liña que a ministra pronunciouse onte a presidenta da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), Cani Fernández, que cre que aínda é pronto para avaliar a nova estrutura de peaxes, mais non descarta que se realicen adaptacións nela.

Segundo apuntou nun foro sobre enerxía organizado por Expansión, aínda se necesita tempo e series temporais para poder chegar a conclusións sobre o que está a suceder agora no mercado eléctrico. "Hai que ter en conta que só levamos unha semana coas novas estruturas de peaxes e temos que ver se, no seu caso, necesita adaptacións e por suposto que o imos ver", indicou Fernández.

A presidenta do organismo regulador sinalou que unha das liñas de acción prioritaria da CNMC é situar as consumidoras enerxéticas "no centro de todas as tarefas", para que non só se lles permita elixir entre as distintas posibilidades de subministración, senón tamén que produzan e vendan a súa enerxía e participen nos mercados en igualdade de condicións co resto da xeración.

Neste senso, a máxima dirixente do organismo regulador subliñou que "o consumidor máis involucrado e mellor formado é o que pode obter maiores aforros na súa factura" eléctrica, e lembrou que, para facilitar esta tarefa, a CNMC ten habilitadas diversas ferramentas na súa páxina web, como o comparador de ofertas de enerxía, que facilita as persoas consumidoras a súa adaptación ao novo esquema de peaxes e "empodéralles" na súa capacidade de elección.

Comentarios