O Goberno do Estado non ten diñeiro abondo para garantir os depósitos bancarios

En teoría, o Estado debe responder dos depósitos das e dos aforradores até a cantidade de 100 mil euros por titular e conta. Mais o diñeiro en efectivo do que dispón neste momento o Fondo de Garantía de Depósitos non é suficiente para garantir os aforros das e dos particulares. A venda de NGB e Catalunya Banc aumentou o buraco do FGD.

Banco de España (Madrid)
photo_camera Un aspecto do Banco de España

A normativa vixente desde 2008 e que será de aplicación para o conxunto da eurozona desde 2018 establece que o Goberno do Estado, a través do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), garantirá os depósitos bancarios das e dos usuarios nunha contía de 100.000 euros por titular e conta. Xa que logo, o do Fondo de Garantía de Depósitos debe facer fronte de xeito directo aos 795.135 millóns de euros que as aforradoras e aforradores teñen co actual límite de 100.000 euros por titular. Agora ben, a día de hoxe o Fondo de Garantía de Depósitos presenta un saldo negativo, sendo o seu saldo máximo, concretamente en 2007 de 24.000 millóns de euros.

O Fondo de Garantía de Depósitos atópase en números negativos desde 2010, xa que o Goberno do Estado foi destinando desde 2008 o diñeiro que atesouraba ás sucesivas achegas públicas para salvar o sector financeiro. Embora a día de hoxe existiren diverxencias entre a Comisión Europea e o Banco de España sobre o tamaño do furado, nin un nin outro organismo poñen en dúbida a preocupante situación que o incapacita para responder aos obxectivos do mesmo. Así o Banco Central Europeo en Outubro de 2013 falaba dun furado de 3.664 millóns de Euros e o Banco de España reducía o mesmo a 2.025 millóns de Euros. O que si sabemos certo que a magnitude do buraco ten aumentado considerabelmente unha vez formalizada a venda de Novagaliciabanco e Catalunya Banc.

Patrimonio neto negativo

A única certeza é que o organismo que protexe os aforros dos cidadáns ten un patrimonio neto negativo segundo as súas propias contas; porén, a situación sería moito peor se non acudira a argalladas contábeis de dubidosa legalidade para reducir o buraco e amosar nos seus estados financeiros a totalidade dos compromisos adquiridos. O Fondo de Garantía de Depósitos é incapaz de atender as súas obrigas e, por suposto, non tería posibilidade algunha de responder da insolvencia de calquera entidade, inclusive das máis pequenas, para atender o pagamento dos depósitos aos aforradores.

A magnitude do buraco ten aumentado considerabelmente unha vez formalizada a venda de Novagaliciabanco e Catalunya Banc

A recapitalización do Fondo é unha necesidade de primeira orde se o Estado Español pretende garantir os depósitos dos contribuíntes. Aínda así, a cuestión preséntase complexa se atendemos ao feito de que o sector financeiro debe achegar ao mesmo o dous por mil dos depósitos, cantidade que en 2013 representou 1.575 millóns de euros. Neste contexto o novo mecanismo de rescate europeo non aporta ningunha alternativa, pois só operará nos ámbitos estatais a partir de 2027. Isto é, diante do vendaval que temos diante de nós, as e os aforradores continúan á intemperie.

Comentarios