Globalvía eleva a súa participación en Itínere en plena batalla polo control

Globalvía eleva a súa participación en Itínere até 40,6% após facerse co 0,22% en mans de Fondos Caser. 
Ponte de Rande (Miguel Riopa / Puntoga)
photo_camera Ponte de Rande (Miguel Riopa / Puntoga)

En plena batalla polo control de Itínere, a matriz de Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, Globalvía, un dos actores en liza, elevou a súa participación até 40,6% do seu capital, após de facerse co 0,22% en mans de Fondos Caser, segundo informou o grupo  de concesións. 

A nova adquisición de accións por parte da firma que preside Juan Béjar prodúcese días despois de recibir un laudo favorábel na batalla polo control de Itínere que mantén co xestor de fondos Corsair, titular de 60% desta empresa.

En virtude do laudo, emitido o pasado 26 de febreiro pola Corte de Arbitraxe da Cámara de Comercio de Madrid, Gobalvía pasa a ostentar de forma directa 15,8% dos títulos que no seu día adquiriu a Kutxabank, e que controlaba até agora de forma indirecta, se ben Corsair recorreu dita resolución arbitral.

Coa compra deste novo paquete accionarial a Fondos Caser, Globalvía asegura "evidenciar" o "compromiso" con Itínere dos tres fondos de investimento estranxeiros que controlan o seu capital, por considerar que se trata dun "investimento de calidade en calquera dos seus escenarios corporativos". 

A batalla polo control

Esta operación súmase aos movementos iniciados en xullo de 2018 para facerse co controla da concesionaria. Foi entón cando Globalvía anunciou un acordo para facerse co 55,6% de Itínere en mans de Sacyr, Abanca e KutxaBank. Corsair, principal accionista de Itínere, en virtude dun pacto de accionistas, exerceu o seu dereito a igualar a oferta, se ben o fixo só coa participación de Sacyr.

Hai agora un ano, Sacyr vendeu o seu 15,5% de Itínere a Corsair, que situou a súa participación en 60%, mentres que o pasado xullo Globalvía adquiriu as participacións de Abanca (23,8%) e Kutxabank (16,3%) en Itínere.

Comentarios