OXE-2017

O gasto en desemprego desce nos orzamentos cando a taxa de cobertura é apenas superior a 50%

O Estado vai gastar en 2017 32.171 millóns de euros no pagamento da débeda pública, 9 de cada 100 euros orzamentados. En troca, só destinará 18.318 millóns ao desemprego cando a taxa de cobertura das persoas paradas -parámetro que mide a percentaxe de populación parada que recebe algún tipo de prestación- ascende a apenas 55,5 por cento.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Cristóbal Montoro, ministro de Facenda

En agosto de 2011 o goberno do PSOE presidido por José Luis Rodríguez Zapatero negociou co PP unha reforma exprés da Constitución para outorgar carácter de "prioridade absoluta" ao pagamento da débeda pública.

Seis anos despois, un goberno do Partido Popular aplica políticas absolutamente congruentes con esa reforma neoliberal. Tanto é así que nas contas que apresentou esta terza feira Cristóbal Montoro no Congreso dos Deputados, 9 de cada 100 euros orzamentados irán a pagar a débeda pública española, que se sitúa xa en 98,8 por cento do PIB (estaba en apenas 34,3 por cento antes de a crise estourar en 2008).

A previsión do Goberno Rajoy é gastar nesta partida 32.171 millóns de euros, 3,9 por cento menos que en 2016. Pode parecer un dado positivo polo que ten de descenso, mais para valorar o dado deberíamos ter en conta que en 2008 se destinaban apenas 15.265 millóns de euros a este capítulo.

E mentres tanto, e por efeito estatístico da redución do número de persoas no paro, as partidas orzamentarias para atender o desemprego continúan a descer. En 2017 o orzamento contempla 18.318 millóns de euros, 6,6 por cento menos que en 2016.

O Goberno teima en apresentar os orzamentos como sociais, mais o descenso desta partida desmente esa caracterización se temos en conta que neste momento por volta de 45 por cento das persoas que están no desemprego non perceben ningún tipo de prestación.

O que si aumenta, e exponencialmente, é a partida de Defensa, dotada con 5.700 millóns de euros, 32 por cento máis que en 2016.

 

Comentarios