sábado 31/10/20

As gasolineiras galegas baixaron 90% as vendas e piden servizos mínimos

As restricións de mobilidade están a producir perdas no sector, segundo denuncia a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes).

Gasolineira galega (Nós Diario)
Gasolineira galega (Nós Diario)

A caída das vendas nas gasolineiras galegas foi de 90% desee o inicio da crise do coronavirus, segundo afirma a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes). Por este motivo reclama ao Goberno español que se impoñan servizos mínimos neste tipo de estabelecementos.

Esta organización sinala nun comunicado que "a pesar da drástica caída no volume de vendas de carburantes", as estacións de servizo da Galiza "están abertas e ofrecendo servizos tanto a particulares como a transportistas", por tratarse dun dos sectores esenciais que apunta o Real Decreto do Goberno que deben manterse activos.

Fegaes salienta que "é evidente que as últimas medidas adoptadas a partir desta segunda feira farán baixar aínda máis o consumo de carburantes, xa que desde o propio Ministerio de Fomento calcúlase que a mobilidade quedará reducida a un 10%".

Por este motivo a federación de gasolineiras enviou un escrito á Delegación do Goberno na Galiza para transmitir a necesidade de que se estabeleza un réxime de servizos mínimos que consiga "frear as perdas do sector e a previsíbel perda de empregos que pon en perigo a viabilidade de centos de empresas".

Outra das demandas urxentes que o sector fixo chegar, neste caso  á Xunta da Galiza, son equipos de protección para as empregadas e os empregados destes estabelecementos. Ademais instou a que estes espazos fosen desinfectadas da mesma maneira que outros moitos locais de servizo público.

comentarios