García Comesaña descarta flexibilizar os horarios da hostalaría

O conselleiro de Sanidade sinala que a cifra de persoas ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) “segue a ser alta” polo que as restricións para o sector continuarán.


 

Traballador da hostalaría preparando unha das mesas nunha terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Traballador da hostalaría preparando unha das mesas nunha terraza en Compostela (Foto: Riobó Prada)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descartou este domingo unha próxima flexibilización das restricións horarias na hostalaría galega xa que, aínda que valorou o descenso dos casos activos de Covid-19, sinalou que a cifra de ingresados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) mantense "alta".

García Comesaña realizou estas declaracións nunha entrevista concedida á Radio Galega este domingo, e nela incidiu na necesidade de actuar con "moita prudencia" na adopción de medidas a pesar de que "a tendencia é boa".

"Temos experiencias de anticiparnos ou de tomar decisións precipitadas", subliñou o conselleiro, que considerou que "todo o mundo prefire esperar un pouco máis en cada etapa" para evitar un novo aumento de casos.

Así as cousas, insistiu en que hai que agardar para observar unha redución dos pacientes en UCI e corroborar que a reapertura da hostalaría na Galiza "non xera ningún incremento" de positivos e, deste xeito, "consolidar" a evolución da situación epidemiolóxica.

O titular do departamento de Sanidade tamén considerou que o "lóxico" sería comezar a recuperar os niveis de restricións vixentes "antes de xaneiro", aínda que insistiu en que polo momento non está sobre a mesa ampliar os horarios de apertura da hostalaría, para o que será preciso esperar "un pouquiño".

Vacinación e surto en Xinzo de Limia

García Comesaña reiterou a previsión de finalizar a vacinación das persoas maiores de 80 anos no mes de maio e destacou a práctica finalización da vacinación de persoal e usuarios de residencias, nas que só permanecen pendentes algúns centros nos que se detectaron surtos ou aos que algunha empregada ou empregado empregado se incorporou con posterioridade.

Preguntado sobre o surto detectado na residencia de maiores Santa Mariña Xinzo de Limia, cuxos usuarios están vacinados, detallou que a administración das doses "diminúe a mortalidade pero non evita ao 100% os contaxios".

Respecto das medidas que deberán adoptarse en Semana Santa, defendeu a efectividade do rexistro de viaxeiros activado en Galicia noutros períodos vacacionais para facilitar a detección de positivos e reiterou a conveniencia de empregalo co colectivo universitario que estuden noutras comunidades e que regresen a Galiza

Comentarios