Gandeiros piden á Xunta que declare o xabaril unha praga “como a velutina ou a couza da pataca"”

Agromuralla afirma que provoca importanets danos.
xabaril
photo_camera xabaril

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla esixe á Xunta que, "no exercicio das súas competencias e responsabilidades", adopte "medidas contundentes e definitivas para acabar coa praga dos xabalís". Considera o xabaril "unha auténtica praga", pide á Xunta que así a declare e actúe contra ela "ao igual que o fai contra outras pragas, como a da vespa velutina, a couza guatemalteca da pataca ou a avispiña do castiñeiro".

Agromuralla asegura que "a invasión é bestial e xa se están a producir danos nas terras recén labradas de millo". "O número de xabalís é tal que non esperan nin sequera a que o millo estea nacido para ir a el, senón que seguen os regos para desenterrar os grans xusto despois da sementeira", denuncian.

"O que os gandeiros labramos polo día desentérrano os xabalís pola noite, perdemos a semente, o abono e o traballo. Se xa estamos a ter esta cantidade de danos a estas alturas non quero nin pensar o que ocorrerá cando o millo bote a espiga e se achegue ao momento da recollida", asegura Roberto López, presidente de Agromuralla. 

Na Galiza seméntanse unhas 70.000 hectáreas de millo forraxeiro cada ano, o que representa o 60% deste cultivo no conxunto do Estado

Gandeiros de diferentes comarcas comezaron nas últimas semanas a labrar o millo nas súas terras están a sufrir os "ataques" do xabarín aos cultivos, obrigando en moitos casos a volver a resementar as leiras e provocando cuantiosos danos e perdas económicas ás explotacións, denuncia Agromuralla, que lembra que o cultivo dunha hectárea de millo custa de media uns 1.200 euros. 

Na Galiza seméntanse unhas 70.000 hectáreas de millo forraxeiro cada ano, o que representa o 60% deste cultivo no conxunto do Estado. O millo é, xunto coa herba, a principal fonte para a alimentación do gando, sendo a produción de forraxes propias para autoabastecemento das granxas unha das vías para o incremento da rendibilidade das explotacións.

A asociación de gandeiras e gandeiros acusa a Xunta de "non tomar en serio o problema" e levar anos "non facendo caso ás queixas do sector agrogandeiro ante uns danos que van a máis cada ano". “As batidas que se fan son claramente insuficientes e as cantidades indemnizatorias son ridículas, tendo que ter unha cantidade mínima de superficie danada para que che recoñezan o dereito", explican. 

Comentarios