NEN SE FIXA PREZO SOSTíBEL NEN RéXIME SANCIONADOR PARA INDUSTRIA E DISTRIBUCIóN

Os gandeiros galegos valoran retomar as tractoradas fronte a un acordo "deturpado"

O goberno español exclúe as alegacións presentadas polos produtores, o que para sindicatos como SLG, UUAA e Fruga supón tirar toda a validez ao documento. Non se descarta unha volta ás mobilizacións.

Tractorada Sarria
photo_camera Tractorada Sarria

Os gandeiros galegos desconvocaron a semana pasada bloqueos e cercos á industria láctea como un xesto de boa vontade e confianza en que o acordo que se asina esta cuarta feira, 23 de setembro, contemplase parte das demandas e reivindicacións do sector. Mais o goberno español semella non disposto a concesións e xa anunciou que as alegacións presentadas desde os produtores a través de organziacións como UPA (Unións Agrarias en Galiza) ou COAG (á que pertence SLG) non van ser contempladas. Unha decisión que caeu como unha bomba entre os gandeiros. Malestar e decepción son dúas das palabras máis pronunciadas.

O acordo non é só que non concrete un escenario que faga posíbel o “prezo sostíbel” para o leite, senón que tampouco hai disposición para eliminar os contratos da industria de prezos á baixa. Nin para estabelecer algún réxime sancionador para industria e distribución por se incumpren compromisos. "Carta branca para os de sempre", lamentan desde o sector. Por iso, nin SLG nin Unións Agrarias van asinar o documento.

"Carta branca para os de sempre", lamentan desde o sector. Por iso, nin SLG nin Unións Agrarias van asinar o documento

Elías Somoza (Fruga) considera que o acordo que se asina esta cuarta feira “non achega nada novo”, e que “non supón un cambio a respecto da situación que padecemos desde hai meses”. Na mesma liña. Xosé R. Cendán (SLG), manifesta a Sermos Galiza que un documento neses parámetros “non pode ter o noso aval”. Ambas as dúas organizacións recoñecen que entre os produtores o acordo vai sentar “fatal”, porque após meses de mobilizacións non abre as portas a unha solución. Neste sentido, retomar as tractoradas e mobilizacións é unha opción que non se descarta.

Mais, poden retornar as mobilizacións? Tanto Fruga como SLG amósanse cautos e inciden en que un paso así ten que ser decidido e acordado polo sector produtor. Falan de agardar a ver o que decorre nos vindeiros días. “O sector está cabreado, e con razón, porque se aspiraba a moito máis no documento”.




 

Comentarios