Os gandeiros din “tomar nota” do “engano” do goberno no acordo lácteo

A Plataforma analiza esta sexta feira que resposta dar perante un documento que non cumpre “as mínimas espectativas” do sector produtor.

Mobilización de gandeiros
photo_camera Asemblea de gandeiros

O acordo para o sector lácteo impulsado polo goberno español nace sen o apoio da maior parte dos gandeiros galegos, non dispostos a respaldar un documento que non recolle as “mínimas garantías” que senten as bases para unha solición á crise do leite. Nin Fruga, nin Unións Agrarias, nin Sindicato Labrego Galego (SLG) nin OPL (Organización de Produtores de Leite) aceptan un acordo que na súa redacción final mesmo “empeora o documento inicial de traballo”.

Unións Agrarias considera que o que se asinou esta cuarta feira en Madrid é unha simple “declaración de intencións”, que non contenmpla medidas que garantan uns prezos dignos nin disposicións que sancionen a industria e distribución de incumprir acordos. Elías Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga), engade que “nin sequer” se poñen os medios para poñer fin “aos contratos-lixo”.

Anxo Escariz, da OPL, recoñece que o acordo “defrauda” os gandeiros, que se senten “enganados” por unha administración que non se compromete “a nada”. Desde o SLG consideran que “é absolutamente imprescindíbel” que o acordo vaia acompañado “das suficientes garantías de cumprimento” por parte dos axentes que o subscriban. E iso só é posíbel “se hai un marco legal e un réxime sancionador que obrigue os operadores a cumprir cos compromisos asumidos”. Nada diso, denuncian, figura no acordo.

Mobilizacións

Esta sexta feira haberá unha asemblea da Plataforma en defensa do sector lácteo galego, unha cita na que se analizará polo miúdo o acordo e se valorará que resposta unitaria dar.

Comentarios