Gandeiros denuncian impagos da láctea Tegesyacín de até 80.000 euros

A empresa láctea débelles facturas de varios meses. O Sindicato Labrego Galego entregou por rexistro unha queixa por esta situación.
Protestas contra Tegestacín diante de Medio Rural (Foto: Arxina)
photo_camera Protestas contra Tegestacín diante de Medio Rural (Foto: Arxina)

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou nunha concentración diante da Consellaría do Medio Rural en Compostela a situación en que se atopan granxas de distintas comarcas ás que a industria Tegestacín S.L. lles debe entre dous e catro meses dos pagamentos polo leite subministrado, con cantidades que chegan aos 80.000 euros.

Gandeiras e gandeiros presentaron un escrito por rexistro no que sinalan que entre as persoas xestoras da Tegestacín figuran nomes que "anteriormente xestionaron Lácteos Tambre, S.L., Lácteos Merza, S.L., Logística Alimentaria S.L., empresas que se dedicaron á recollida de leite e que tiveron impagos". 

A intención do SLG é informar á Consellaría para conseguir que as gandarías "sexan retribuídas como lles corresponde". Na comunicación faise constar, ademais, o feito de que sexa "unha empresa que recibiu axudas públicas de Medio Rural por máis de 350.000 euros a que incorre agora nestas actitudes".

Axudas que "non están condicionadas para percibilas aínda que tiveran casos de falta de pago do leite". Por iso reclaman da Xunta unha revisión das bases desas axudas que garantan que quen recebe cartos públicos cumpra logo cos produtores e produtoras. 

Cancelar a licenza e mudar os contratos

O sindicato reclama, ademais, o "inicio dos trámites para a cancelación da licenza de operador como primeiro comprador de leite na Galiza" desta e outras empresas que presenten impagos ás granxas subministradoras.

Certifican que "non están a resultar eficaces nin adecuados os contratos homologados nin o resto de instrumentos adoptados polos Ministerio e pola Consellaría para protexer ás granxas de produción de leite fronte a estas prácticas dos operadores". 

Por este motivo reclaman que se realice unha revisión do marco dos contratos, encamiñado a "evitar a introdución nos mesmos de cláusulas prexudiciais para as granxas produtoras de leite". Neste sentido, sinálase como exemplo o caso destas gandeiras e gandeiros con que acumula débeda a Tegestacín.

Lembran que para reclamar a un mecanismo de arbitraxe terían que pagar cantidades "inasumíbeis por quen xa foi colocado nunha situación precaria por parte das industrias".

Comentarios