CRISE DO LEITE

Os gandeiros arrincan un compromiso (pequeno) a Gadis

Máis de 200 produtores xuntáronse diante da central Gadisa para demandar un aumento de prezos, paso que anunciaron grupos como Vegalsa ou Mercadona. A cadea comprométese a non empregar o leite como produto reclamo.

Mobilización de gandeiros

Máis de 200 gandeiros acudiron á central Gadisa, en Betanzos, para exixir un aumento dos prezos do leite. Finalizados os bloqueos ás plantas das industrias lácteas, a folla de rota da Plataforma sinalaba como seguinte estación as mobilizacións perante aquelas distribudoras que non estivesen dispostas a dar pasos cara á suba do prezo do leite. Entre as sinaladas, LIDL e Gadis.

Os produtores demandan na concentración en Gadisa prezos dignos e até xunta eles foi o propio presidente do grupo comercial, Roberto Tojeiro, tal e como informa Campo Galego. Houbo debate, tiras e afrouxas mais non houbo compromiso de que se pagase máis polo leite aos gandeiros.

Segundo relata Campo Galego, Tojeiro si que se comprometeu a que non se empregase o leite como produto reclamo en Gadis -onde o brick se ten vendido a 50 céntimos di o sector-. Mesmo afirmou que xa se subira o prezo da venda ao público do litro de leite. Os produtores, porén, lembráronlle que a súa demanda era que a eles se lle pagase máis polo produto, non que se lle subise ao consumidor. Os gandeiros pedían a Gadis que dese un paso adiante como fixeron Mercadona ou Vegalsa-Eroski, que si que se comprometeron a aumentar o que se lle pagaba ao produtor. Como relata o medio especializado no sector do agro, un gandeiro da asemblea lembrou: “O de ‘vivamos como galegos’ está moi ben, pero nós tamén queremos cobrar como galegos, non como chinos”.

Acordo o día 23

O Ministerio anunciou que o acordo do sector lácteo asinarase o día 23 deste mes, a semana que vén. A intención do departamento é que se aplique en outubro.

Imaxe: Concentración en Gadisa. Revista Afriga

Comentarios