Gandeir@s mobilizaranse por unha solución para Alimentos Lácteos S.L

A Federación Rural Galega (Fruga) pon a disposición das explotacións afectadas polos impagos servizos de asesoría xuridica e exixe á Xunta de Galiza que "asuma as súas responsabilidades" após conceder axudas públicas á factoría por valor de 9 millóns de euros, cando a empresa recollía perdas mensais de até 400.000 euros ao mes.

Alimentos Lácteos S.L declarou após solicitar un pre-concurso de acredores, que posuía perdas de 15 millóns de euros. A situación financeira que atravesa a factoría --creada en 2009 baixo o manto do Partido Popular-- conleva graves consecuencias para @s produtor@s que carrexan meses sen cobrar. Desde a Federación Rural Galega denuncian que a factoría declarase unha débeda acumulada de 15 millóns de euros, habida conta "dos seus tres anos e tres meses de vida".

As contas presentadas por Alimentos Lácteos cando presentou o pre-concurso de acredores o pasado mes de xaneiro deixan ver perdas de até 400.000 euros ao mes malia a que a Xunta de Galiza lle concedeu durante estes anos 9 millóns de euros públicos en concepto de axudas. Isto "converte ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo en responsábel da situación ruinosa da empresa", denuncia Somoza Regueiro desde a Fruga.

A responsabilidade da Xunta con Alimentos Lácteos 

Perante esta situación a organización agraria pon a disposición das explotacións prexudicadas pola deriva da empresa un servizo de asesoramento xurídico que palíe a "indefensión que padecen os produtores e produtoras" cuxo obxectivo é facilitar a presentación das debidas reclamacións. Aliás, denuncian a responsabilidade do executivo galego pois cando "Pascual cesou a súa actividade en Outeiro de Rei" a Xunta de Galiza pulou pola creación dunha empresa que hoxe "conta cun buraco de 15 millóns de euros" malia a térense investido 9 millóns en axudas públcias. Neste senso, desde a Fruga aseguran estar a valorar a posibilidade de presentaren "unha demanda perante os indicios de mala praxe económica" reflectidos nos malos resultados de Alimentos Lácteos e advirten que iniciarán unha campaña de mobilizacións para exixiren ao goberno de Núñez Feijóo "que se depuren responsabilidades".

Comentarios