Gandeir@s debaten o preacordo da Xunta ollando de esguello cara á industria

As asembleias d@s traballador@s do agro estudan se se levanta o paro nas entregas de leite e se acepta a palabra da consellaría do Medio Rural, que puxo riba da mesa o compromiso de que o prezo do litro fose subindo até cubrir, en xaneiro, os custos de produción. Boa vontade no sector cara a desconvocar o paro á espera de coñecer canto cobrarán, sempre advertindo de que ''as mobilizacións pódense retomar''


Os sindicatos con representación no sector leiteiro chegaron a un principio de acordo coa Xunta, a industria e a distribución que podería culminar no levantamento do paro na recollida do leite. Comprometeuse o Executivo galego a velar por que o prezo do litro do leite vaia subindo desde os 29 céntimos actuais até que, en xaneiro, @s gandeir@s cobren máis do que lles custa producir.

Estamos a falar dun prezo de "trinta e bastantes céntimos por litro", tal e como explicou Xosé Ramón Cendán, do Sindicato Labrego, pois neste momento "non pagamos nin as facturas" ao estar o prezo do penso moi por riba do que lles pagan polo leite. Tal situación derivou nunha "quebra técnica" de moitas explotacións, ao se elevaren os custos "máis dun 30%".

Segundo sinalaron as centrais agrogandeiras, esta quinta feira entregaraselles un documento cos compromisos alcanzados, compromisos que xa foron transladados aos e ás gandeiras nas asembleias que se celebraron durante a noite e na mañá desta quinta para sometelos a consenso. Desde Unións Agrarias, Roberto García falou dun prazo duns dez días transcorrido o cal, "de non ver avances" volverían suspender as entregas de leite. Ao igual que Xóvenes Agricultores, aplaudiu a "boa vontade" manifestada pola Xunta, e subliñou que "co novo paquete a Administración ten mecanismos" para porlle freo ás pácticas abusivas da industria.

SLG: ''A imposibilidade de pactar prezos colectivos é unha trampa para os produtores''

Porén, desde o SLG, a secretaria xeral Isabel Vilalba manifestou o seu descontento polo proceder seguido, pois "ás asembleias chegou xa a idea de que o paro fora desconvocado sen que elas o valorasen, cando é dos gandeiros de quen ten que partir a decisión". Explicou Vilalba que a consellaría mantivo primeiro unha xuntanza con representantes da industria, na procura dunha folla de ruta que posteriormente foi socializada cos sindicatos nese preacordo que agora chegará por escrito.

Acrecentou Xosé Ramón Cendán que nese documento non aparecerán os prezos, pois a Comisión nacional da competencia impide pactar prezos e asinar acordos colectivos. Tal limitación "é unha trampa" contra @s produtor@s, na cal se escuda a propia consellaría para non dar cifras. Con todo, tamén esta central  valorou de xeito positivo a xuntanza mantida, aínda sendo conscientes de que "até onde nós queremos seguro que non se vai solucionar" o conflito leiteiro. 

Os termos do acordo achegado pola Xunta "teñen que ser valorados polo sector, e necesitamos garantías de que se vai cumprir, máis aló das palabras". Ao igual que Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias, tamén o Sindicato Labrego manifestou boa vontade na liña de desconvocar o paro, non sen antes por riba da mesa as "desconfianzas" que gardan respecto da industria e a advertencia de que as mobilizacións "sempre se poden retomar".

Fruga: ''Ninguén nos transladou nada''

Pola súa banda, a Federación rural galega --Fruga--, que non tomou parte das negociacións coa Xunta ao non ser parte convocante da folga de entregas, queixouse de que "non se nos transladou nada desa xuntanza". Manuel Dacal informou de que a organización ten "unha conversa pendente coa consellaría", mais tal encontro non ten data aínda fixada, á espera da confirmación do departamento que dirixe Rosa Quintana. Namentres, "queremos coñecer o principio de acordo e reservámonos a posibilidade de emprender algunha acción clarificadora do que significa iso".

Insistiu Dacal en que "a pelota está do lado da consellaría" e que cómpre estabelecer as regras do xogo e sinalar que papel cumpre cada parte nese xogo. Ao seu entender, a Xunta "ten que actuar como árbitro". Após coñecer os termos do pacto, o paso seguinte será debatelo nas asembleias. "Se a maioría dos gandeiros apoiase unha folga nas entregas de leite, nós apoiariamos o sector". Porén, Dacal puxo en dúbida "a unanimidade" coa que o paro foi convocado.

Comentarios