Galiza, produtora de electricidade, vai pagar “a luz máis cara do estado” para compensar as eléctricas

O BNG insta a Xunta a liderar unha “negociación bilateral” co Estado para que este “asuma o custo do recibo que pretende imputar aos galegos e galegas”.

Luz eléctrica

Galegos e galegas van pagar o recibo da luz máis caro de todo o Estado español para compensar as eléctricas polo pagamento de impostos. Así o denuncia o BNG a través da súa parlamentar Noa Presas, que considera que estamos perante máis un exemplo da “discriminación” pola política enerxética “imposta desde o Estado e polos anteriores gobernos do Partido Popular”.

Para a deputada nacionalista, Galiza "a pesar de ser produtora e excedentaria de enerxía" terá que pagar "38 millóns de euros" polos 2 millóns que abonará Madrid "a pesar de que non produce enerxía".

Presas asegura que debido á orde que prepara o Goberno central para facer efectivas as sentenzas xudiciais que obrigan a compensar ás compañías eléctricas polos extracostes de produción. Cada galego e galega pagará "20 euros" na factura da luz.

"Feixóo non fixo os deberes a tempo e mentiu cando negou que Galiza non pagaría", dixo. Presas anunciou que o BNG rexistrará no Parlamento galego diversas iniciativas para que “Feixóo asuma a súa responsabilidade e estude todas as vías de negociación bilateral co Estado” sobre o borrador de orde e esixir  ao Estado que “asuma o custo que lle pretende imputar a todos os galegos e galegas”.

En Marea apunta o Partido Popular como "responsábel" de que Galiza teña que afrontar o recibo da luz máis caro do Estado. "O incremento da factura débese entre outras cuestión á colaboración da Xunta achegando ao Estado a información necesaria para que se aplicase ese aumento". 

Comentarios