Galiza é o territorio onde máis subiron os prezos da vivenda en xullo

As persoas que compraron un inmóbel en xullo pagaron 19,5% máis que as que o fixeron hai un ano
Vivendas en construción (Foto: Arxina).
photo_camera Vivendas en construción. (Foto: Arxina).

Galiza foi o territorio do Estado español no que máis se incrementou o prezo de compravenda da vivenda en relación co ano anterior. En concreto, segundo o informe do Consello Xeral do Notariado, as persoas que compraron un inmóbel en xullo deste ano pagaron 19,5% máis que as que o fixeron un ano atrás. 

Ademais de subir o prezo, o número de vivendas transferidas na Galiza aumentou en xullo 14,2%, cun total de 2.250 compravendas de vivenda. Esta alza é nove puntos inferior á rexistrada no conxunto dos territorios do Estado español (22,9%).

Por tipo de vivenda, as compravendas de pisos aumentaron en xullo 23,7% interanual na Galiza con respecto aos datos de 2020, alcanzando as 1.583 unidades comercializadas. No extremo oposto, as vivendas unifamiliares, con forte demanda nos meses posteriores ao confinamento, marcaron a maior caída de todos os territorios, 3,5%, con só 667 unidades vendidas.

O prezo medio do metro cadrado situouse nese mes nos 972 euros. No caso dos pisos, a contía media desembolsada nas operacións de compravenda foi de 1.226 euros por metro cadrado, mentres que nas vivendas unifamiliares o prezo medio baixou até os 700 euros por metro cadrado. 

Hipotecas e sociedades

No que atinxe aos préstamos hipotecarios para a adquisición destas vivenda, o informe elaborado polo Consello Xeral do Notariado constata un crecemento de 38,5% interanual, cun total de 1.055 operacións. Porén, a contía media destes contratos descendeu 5,4%, até situarse en 115.121 euros.

Do total de operacións de compravenda de vivendas na Galiza, menos da metade (46,9%) recorreron a un préstamo hipotecario para formalizar a operación. Ademais, nos casos nos que solicitaron hipoteca, o importe a financiar non superou 80% do valor do inmóbel, xa que o valor medio situouse en 75,9%.

Doutra banda, o informe tamén analizou a constitución de sociedades na Galiza. Segundo os datos do notariado, no mes de xullo creáronse 314 sociedades, o que supón 7,5% menos que hai un ano. Dese total, 205 empresas xurdiron cun capital social inicial de entre 3.000 e 4.000 euros (-0,6%), sendo o capital medio de constitución das novas firmas 3.036 euros.

Comentarios