Galiza rexistra unha caída de 7,7% na creación de empresas

En febreiro constituíronse 360 novas empresas na Galiza, 7,7% menos que no mesmo período de 2019.
Rexistro de Compostela (Xoán Roberes).
photo_camera Rexistro de Compostela (Xoán Roberes).

A creación de empresas na Galiza caeu 7,7% no mes de febreiro, no que se constituíron 360 sociedades mercantís, das que 358 o fixeron baixo a forma de Sociedade Limitada, cun capital total subscrito de 21,6 millóns de euros, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

No balance presentado correspondente ao mes de febreiro, o número de sociedades mercantís disoltas ascendeu na Galiza a 144, o que representa unha diminución de 13,8% a respecto de febreiro de 2019, un dato que contrasta co ascenso acumulado na media estatal. Delas, sete foron motivadas por unha fusión, outras 124 realizáronse de modo voluntario e o resto, por outras causas, recolle o INE.

No que atinxe os movementos de capital, contabilizáronse tres sociedades anónimas e 135 limitadas galegas que ampliaron capital en febreiro e 26 sociedades mercantís que o reduciron. Ademais, unha empresa desembolsou dividendos pasivos.

A nivel do Estado español, o número de sociedades mercantís de nova creación caeu 9,2% en febreiro respecto ao mesmo mes de 2019, até sumar 8.516 empresas, á vez que as disolucións empresariais aumentaron 4,5%, até totalizar 2.416.

Co retroceso de febreiro, a creación de empresas encadea dous meses de taxas interanuais negativas após ceder en xaneiro case 4%.

Comentarios