Galiza recibirá 828.382 euros do fondo extraordinario para amortecer os efectos da Covid

O Goberno do Estado transferirá un total de 13.486 millóns, 70% en setembro e 30% en novembro deste mesmo ano.
A ministra portavoz, Isabel Rodríguez tras a reunión do Consello de Ministros. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press).
photo_camera A ministra portavoz, Isabel Rodríguez tras a reunión do Consello de Ministros. (Foto: R.Rubio.POOL / Europa Press).

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a distribución do fondo extraordinario de 13.486 millóns de euros dirixidos ás comunidades e cidades autónomas. Unha repartición que se efectuará en base á poboación axustada, tal e como solicitaron a maior parte de territorios, explica o Goberno español. Da contía total, a Xunta da Galiza percibirá 828.382 euros.

Esta transferencia extraordinaria do Estado ás comunidades, que se atopa á marxe do sistema de financiamento, estabelécese co obxectivo de amortecer os efectos da crise da Covid-19 nas finanzas territoriais. Desta forma, a Administración estatal asume, "de novo, o maior custo da pandemia e garante a liquidez ás comunidades autónomas para que poidan prestar servizos  públicos esenciales de calidade".

Trátase, aclara nun comunicado o Ministerio de Facenda e Función Pública, duns recursos adicionais que xa foron anunciados no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado mes outubro e incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021.

Criterio de repartición

O criterio de repartición foi resultado do diálogo iniciado por Facenda con todos os territorios para coñecer a súa posición. A maior parte de Gobernos optaron pola poboación axustada, un criterio que o Ministerio fixo seu e que deu a coñecer ás autonomías no trasncurso do Consello de Política Fiscal do pasado 28 de xullo.

O Real Decreto aprobado esta terza feira contempla que os 13.486 millóns transferiranse en dúas fases, 70% en setembro e 30% no mes de novembro deste ano.

"Esta achega extraordinaria incide na idea do Goberno de que ninguén quede atrás, incluídas as Administracións territoriais", afirma. Neste sentido, de cara ao ano que vén, Facenda xa comunicou que as entregas a conta do sistema de financiamento alcanzarán a cota inédita dos 112.213 millóns de euros, un 6,3% máis. 

Ademais, a Administración estatal cubrirá mediante unha partida específica nos Orzamentos Xerais de 2022, os 3.900 millóns das liquidacións negativas de 2020 para evitar crear tensións de tesourería nas comunidades autónomas o próximo exercicio.

Distribución

Dos 13.486 millóns a repartir, Galiza recibirá 828.381,84 euros, a quinta contía máis alta por detrás dos 2.357.506 de Andalucía, os 2.160.990 que lle corresponden a Catalunya, 1.863.769 euros de Madrid e 1.400.020,03 da Comunitat Valenciana.

Comentarios