Galiza recibirá 3.150 millóns de euros de fondos de cohesión para o período 2021-2027

E 111 millóns para investimentos e axudas nas áreas afectadas polo peche das térmicas
Torres de refrixeración da central térmica das Pontes cun parque eólico ao fondo (Foto: Endesa).
photo_camera Galiza recibe 111 millóns para investimentos e axudas nas áreas afectadas polo peche das térmicas

Galiza recibirá 3.150 millóns de euros de fondos de cohesión para o período 2021-2027, ao que se suman 111 millóns para unha transición xusta polo peche de centrais térmicas.

Estes 3.150 millóns -que se corresponden co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ( Feder) e o Fondo Social Europeo Plus ( FSE+)- supoñen un incremento do 8,1% respecto ao anterior marco financeiro.

Deste modo, Galiza é o segundo territorio que máis fondos percibe, só por detrás de Andalucía (12.170 millóns), nun cómputo global de 34.693 millóns de fondos de cohesión para as comunidades (+13,2%), segundo datos do Ministerio de Facenda.

O delegado do Goberno, José Miñones, celebrou esta partida económica, xa que destaca que suporá avanzar na cohesión social, económica e territorial de Galiza.

A través do  Feder fináncianse actuacións dirixidas a reducir as disparidades entre os niveis de desenvolvemento das distintas rexións da UE e a reducir o atraso das zonas menos favorecidas.

A execución destes fondos xestionarase, ben directamente pola Xunta ou ben pola Administración Xeral do Estado, a través de programas  plurirrexgionais. O delegado lembrou, ademais, que a Xunta conta cunha certa flexibilidade, pois pode facer uso do establecido na normativa europea que permite a transferencia de recursos entre un e outro fondo ata un determinado límite.

Por outra banda, o Goberno tamén reparte 868,7 millóns do novo Fondo de Transición. A provincia da Coruña recibirá 111 millóns para investimentos e axudas nas áreas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.

Comentarios