mércores 08.04.2020

O Estado español adianta a Galiza 221 millóns das entregas a conta

O Ministerio de Facenda adianta os cartos das entregas a contas para facer fronte á crise do coronavirus.
María Jesús Montero, ministra de Facenda (Eduardo Parra / Europa Press).
María Jesús Montero, ministra de Facenda (Eduardo Parra / Europa Press).

A vindeira segunda feira Galiza percibirá parte dos 221,8 millóns de euros correspondentes ao primeiro dos pagamentos da actualización das entregas a conta do sistema de financiamento, e que ascende a 1.434 millóns de euros no conxunto do Estado español.

En total, o Ministerio de Facenda adiantará 2.867 millóns de euros para dar liquidez aos territorios para que poidan facer fronte á crise do coronavirus, unha medida contemplada no Decreto-lei aprobado o pasado 12 de marzo polo Consello de Ministras. A segunda parte dos pagamentos realizarase arredor do 17 e abril.

A estes fondos poderíanse sumar, no caso de que Galiza así o solicite, parte do pagamento da liquidación do exercicio 2018, que se ten que realizar en 2020 e que, en condicións normais, abónase a metade de ano. O Ministerio está a estudar esta posibilidade, que suporía adiantar outros 10.955 millóns de euros.

Incluíndo todos os conceptos do sistema de financiamento, tamén a liquidación de 2018, Galiza contará con 7.937,54 millóns de euros, 6,05% máis que en 2019.

Calendario da Renda

Por outra banda, o departamento que dirixe María Jesús Montero, anunciou onte que os prazos para a Campaña da Renda 2019 seguen sen cambios. 

Varias asociacións tributarias e colexios profesionais fixeran  un chamamento á ministra para adiar cando menos tres meses as declaracións de impostos, até que se "normalice" a situación do estado de alarma.

Finalmente, o calendario para liquidar o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) arranca o 1 de abril, como estaba previsto, e finaliza o 30 de xuño

Desde a Axencia Tributaria sinalan que na actual situación é "especialmente importante" manter as datas previstas para que as contribuíntes poidan recibir as súas devolucións, dado que 70% das declaracións saen a devolver e case 90% preséntanse por Internet.

comentarios