Un informe evidencia o aumento da pobreza enerxética na Galiza

A nivel estatal, porén, produciuse unha melloría en termos xerais.
A calefacción non poderá superar os 19 graos de temperatura en oficinas, transporte público e edificios da Administración. (Foto: Guillem de Balanzó) #calefacción #termostato #temperatura #radiador #calefactor #calor #enerxía #luz #aforro #aforroenerxético
photo_camera Non poder manter a vivenda a unha temperatura axeitada é un dos indicadores. (Foto: Guillem de Balanzó)

A Galiza experimentou un incremento de até máis de dous puntos en varios indicadores de pobreza enerxética, segundo os resultados dun informe que vén de facer público o Observatorio Europeo de Pobreza Enerxética. A pesar de estar na oitava posición no ranking de territorios do Estado, o país rexistrou un incremento significativo en varios dos índices analizados.

Así, subiu o indicador de gasto desproporcionado (+2,49 puntos) e o mesmo ocorreu con este sinalizador adaptado (+2,33 puntos). Este estudo inclúe unha adaptación dos indicadores calculada a partir da media das medianas dos últimos cinco anos.

Tamén aumentou o indicador relativo á temperatura inadecuada na vivenda no inverno (+3,4 puntos) e o referente ao atraso en pagamento de facturas de subministracións da vivenda (+ 0,7 puntos).

Como contraste figura un descenso no indicador da pobreza enerxética agochada (-1,59 puntos) e adaptada (-1,14 puntos) en comparanza co ano 2020.

O informe

En concreto, trátase da Actualización de Indicadores 2022, que debulla a evolución no conxunto do Estado español a respecto de anos anteriores a través dos catro indicadores propostos por este observatorio.

O informe estabelece como manifestacións da pobreza enerxética a incapacidade de manter unha temperatura axeitada no fogar, o atraso no pago das facturas, un gasto enerxético excesivamente baixo ou un gasto en subministracións enerxéticas que é desproporcionado sobre o nivel de ingresos. Ademais, ten en conta a situación de emprego, o número de membros do fogar e a zona climática.

No conxunto estatal, en termos xerais produciuse unha mellora nos valores, exceptuando o de temperatura inadecuada na vivenda no inverno, que empeorou (+3,4 puntos).

Comentarios