A Galiza perdeu en seis anos 2.792 hectáreas dedicadas ao cultivo de trigo

A produción de cereais na Galiza leva descendido de maneira drástica nas últimas décadas e o trigo non é unha excepción.
Plantación de trigo localizada na comarca da Baixa Limia, onde, ao igual que no resto do país, a produción deste cereal descendeu (Foto: Nós Diario).
photo_camera Plantación de trigo localizada na comarca da Baixa Limia, onde, ao igual que no resto do país, a produción deste cereal descendeu. (Foto: Nós Diario)

A produción de cereais na Galiza leva descendido de maneira drástica nas últimas décadas e o trigo non é unha excepción. De acordo coa Enquisa sobre Superficies e Rendementos Cultivos (Esyrce, polas súas siglas en español), o territorio galego perdeu un total de 2.792 hectáreas dedicadas ao cultivo do trigo no período comprendido entre 2015 e 2021 (último ano para o que existen datos dispoñíbeis).

De acordo con esta estudo elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a Galiza contaba en 2015 con 15.176 hectáreas que estaban destinadas á produción de trigo brando (practicamente o único que se dá no país), mentres que en 2020, as hectáreas destinadas ao mesmo fin eran 12.384. Esta perda de terreo dedicado ao cultivo do trigo equivale a un total de 2.590 campos de fútbol aproximadamente.

Outro dato de relevancia é a perda de produción de trigo brando de regadío no país en parcelas aforadas, é dicir, aquelas que se dedican á produción de cereal destinado á alimentación de gando. En 2015 rexistrábase na Galiza este tipo de cultivo, que xeraba perto de tres toneladas e media do cereal. En 2020, perdeuse por completo. Se ben non achegaba unha gran cantidade de cereal, é relevante a desaparición da actividade. 

En canto a esta produción en parcelas aforadas mais para trigo de secaño, a Galiza tamén perde produción. En 2015 o país tiña 49 parcelas aforadas  e en 2020 o número reduciuse a 44.

Mobilizar terras

Desde sindicatos agrarios veñen denunciando a falta de medidas desde a Galiza e para a Galiza destinadas a mobilizar terras para a produción de trigo.
A Federación Rural Galega (Fruga) considera que "a Galiza ten suficiente superficie agraria útil para a plantación de trigo, o problema", sinala Elías Somozas a Nós Diario, "é que non se planificou en base ás necesidades alimentarias do país".

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), pola súa parte, alertan de que as medidas que puxo en marcha o Executivo español a comezos deste ano que incluían cambios na xestión e uso da terra agraria para favorecer o cultivo de especies como o trigo, "non terían impacto significativo na Galiza" dado que só en "zonas como a comarca da Limia hai áreas de enfoque ecolóxico que son os terreos aos que van dirixidas este tipo de medidas".

Unións Agrarias alerta que os baixos prezos aos que se pagan os cereais como o trigo, "poñen en perigo a continuidade de moiras explotacións gandeiras". 

Soberanía alimentar

O economista Marcelino Fernández Mallo declara a este respecto a Nós Diario que "na Galiza temos recursos desaproveitados cando contamos cun gran solo. É necesaria a recuperación de cultivos para acabar coa dependencia".

Na mesma liña, o economista Bernardo Valdês ten apuntado a este xornal que a responsabilidade desta perda de soberanía alimentar débese "ao bloqueo no mercado de terras, a falta de ordenación territorial ou a carencia de políticas públicas destinadas a favorecer o aproveitamento produtivo das terras que som responsábeis do escaso peso da superficie agraria útil dentro da superficie total galega".

Comentarios