Galiza perdeu 150.000 hectáreas de superficie produtiva en tres décadas

A superficie agraria útil apenas supera 20% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa.

 

campo agro rural foto de mikel arrazola
photo_camera (Foto: M. Arrazola)

Foi un dos temas denunciados esta segunda feira en Lisboa na mobilización que decorreu na capital portuguesa convocada por Vía Campesiña co gallo da xuntanza do consello de ministros e ministras de Agricultura da UE: a perda de superficie agraria útil, a mingua de terreos produtivos. Un tema que atinxe tamén a Galiza.

A superficie útil na Galiza, e como lembrou o Sindicato Labrego Galego nesa mobilización con presenta de organizacións de diferentes países -tamén Galiza- é de menos de 21%. Porcentaxe que contrasta coa media de 47% que ten o Estado español e do 40% que hai na Unión Europea. En Alemaña ou Francia supera ese 40%, por poñer dous exemplos.

Entre 2007 e 2017 Galiza perdeu 17% das súas hectáreas agrarias. De 748.000 pasamos 621.000, segundo datos do INE. Unha perda que engadir á sufrida en anos anteriores. De 1985 a 2005, a superficie agraria útil (SAU) do noso país perdeu perto de 150.000 hectáreas. Os motivos disto? Desde o abandono até a forestación, pasando pola propia estrutura de minifundios.

A UE, ademais, marcou como obxectivo que 25% da superficie agraria útil fose de produción ecolóxica, unha porcentaxe que na Galiza non supera o 4%.

Futuro

En dez anos Galiza perderá un terzo da súa superficie de cultivo. Esta é a advertencia que se fixo o ano pasado desde o Centro Común de Investigación da UE, servizo interno científico da Comisión Europea: en 2030, os terreos agrícolas do noso país serán 35,5% menos que agora.

A superficie agraria útil que temos actualmente  anda por volta de 650.000 hectáreas

Os científicos da Comisión sinalan Galiza como o territorio do Estado que máis vai sufrir esta perda de superficie de cultivo. Fai un desglose por provincias e sitúa tres (Lugo, A Coruña e Ourense) como as 3 primeiras do Estado español en perder terreos agrícolas. Pontevedra figura en quinta posición.

Así, e segundo o informe elaborado polo Centro Común de Investigación, nunha década Lugo terá 44%% menos de superficie agraria, A Coruña perderá 42% e Ourense 30%. Pontevedra, case 26%.

Comentarios