Galiza perdeu 1,13% das súas empresas no ano da irrupción da Covid

Galiza rompeu en 2020 con cinco anos de crecemento no número de empresas polas perdas na industria e na construción 

O ano da pandemia da Covid supuxo un cambio de tendencia na demografía empresarial galega. Segundo os datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE), Galiza perdeu 1,13% das súas empresas en 2020, no que é o primeiro dato negativo en cinco anos, destacan desde o organismo. 

Segundo os indicadores de demografía empresarial, o país iniciou o ano con 210.789 compañías, 0,25% máis que en 2019. Con todo, apuntan desde o IGE, a taxa de nacemento de empresas (cociente entre as creadas e as existentes a principio de ano) foi do 9,72%.

No que atinxe á taxa de mortes empresariais (cociente entre as empresas que desapareceron e as existentes a principio de ano) foi do 10,85%. Como resultado, a taxa de crecemento foi negativa, de -1,13%, o que sitúa o número total de empresas a feche de 2020 en algo máis  de 208.400 compañías.

Esta taxa negativa rompe cunha tendencia de cinco anos consecutivos con taxas netas positivas de crecemento no número de empresas na Galiza, nun ano marcado pola crise do coronavirus.

Comportamento sectorial

A pesar dos confinamentos e as restricións na hostalaría, o sector servizos foi o que mellor aguantou no ano da Covid na Galiza, perdendo tan só 0,19% das empresas que había rexistradas ao comezo do exercicio. 

Porén a falla de política industrial por parte da Xunta condenou ao sector. A industria perdeu 4,40% das súas empresas en 2020, aínda que a perda foi maior na construción (4,67%).

En canto ao tamaño das empresas, 1,20% das microempresas desapareceron, mentres que as pequenas empresas creceron 0,51%, as medianas empresas subiron 0,07%, e as grandes empresas caeron 0,86%.

Comentarios