Galiza perde máis de 200 millóns de euros cada ano pola fuga de talentos

A saída migratoria da mocidade en busca de oportunidades laborais é un feito que continúa a marcar o presente e o futuro económico da Galiza. A fuga de talentos non é actual e malia iso faltan estudos que afonden nas súas cifras e tenten achegar solucións. Un documento presentado onte polo Foro Económico da Galiza permite coñecer algo máis este fenómeno e achegar algunhas solucións.

Alberto Vaquero, profesor da UVigo, e Sara Fernández López, profesora da USC, son parte do equipo que realizou o informe (Riobó Prada)
photo_camera Alberto Vaquero, profesor da UVigo, e Sara Fernández López, profesora da USC, son parte do equipo que realizou o informe (Riobó Prada)

O traballo Fuga de talento na Galiza. Mito ou realidade? realizouse a partir da información do capital humano de entre 18 e 44 anos cunha formación importante en estudos universitarios nas últimas décadas. Unha das responsábeis do informe, a profesora da USC Sara Fernández López, indica que a maior dificultade para a análise foi a falta de datos da última década, posto que os últimos que existen a nivel estatal son de 2011 e xa daquela a porcentaxe migratoria atinxía na Galiza 7% neste segmento de poboación.

Segundo o informe, a partir dos supostos recollidos no traballo, Galiza incorrería anualmente nun custo por formar tituladas e titulados que emigran fundamentalmente por cuestións laborais de, como mínimo, 178 millóns de euros ao ano (supondo que o alumnado terminase a súa formación en catro anos), cantidade que se amplía aos 311 millóns (se a remataron en sete). Ademais, este proceso migratorio suporía unha perda de nacementos anual de 1.500 nenos e nenas. Así mesmo, deixaríanse de crear anualmente ao redor de 315 novas empresas.

Problemas actuais para reter talento

Sara Fernández explica a Nós Diario que non hai unha medida única para reter o talento que medra na Galiza da mesma maneira que non hai un problema único a solucionar. "Hai unha gran necesidade de infraestruturas tecnolóxicas, na Galiza temos a maior porcentaxe de concellos sen acceso a internet de banda larga do Estado e, se queremos que a xente poida quedar ou teletraballar, necesitámolas", asegura.

Cre que debería de haber "unha maior coordinación das universidades e da FP coas empresas que demandan perfís singulares" e ter en conta que "ao mellor o mercado laboral non ten a capacidade de absorber esas tituladas e titulados". Non esquece a relevancia das condicións laborais e asegura que é importante "certa estabilidade, unhas boas condicións salariais e ter calidade de vida". Neste último punto indica que a mocidade titulada marcha tamén "polos servizos públicos que se ofertan, sobre todo sanitarios e educativos, que non son bos, ou a mobilidade, que é necesario traballala".

Sentencia que "se se deseñan ben estas políticas non se precisará logo facer outras para atraer talento". Alén diso, outra consideración que apunta Fernández é que "aquí temos unha porcentaxe elevada de tituladas que decide quedar a cambio de custos persoais, como renovar o contrato cada tres meses".

Recomendacións

Neste informe, a primeira das recomendacións que se expoñen é de carácter instrumental. "É necesario ter datos que nos permitan cuantificar esas cifras e debuxar esas tendencias", sinala Sara Fernández, "estamos investindo moito diñeiro en formación de capital humano que logo marcha", engade. Cren, ademais, que habería que realizar un esforzo maior en materia de emprego que permita axustar a oferta coa demanda de traballo.

Neste senso, a creación de postos de traballo "pasa necesariamente polo desenvolvemento de empresas innovadoras e de maior tamaño". Por parte das administracións e das compañías deberíanse "aprobar políticas públicas e privadas que posibiliten competir en igualdade de condicións" así como "impulsar as actividades relacionadas coa tecnoloxía na Galiza".

Consideran no estudo que a cooperación entre o sector produtivo e o Sistema Universitario da Galiza "ten que mellorar" e "hai que garantir a calidade de vida en xeral e, en particular, á mocidade para que non emigren".

Por último recomendan desenvolver políticas de retorno e atracción de talento "se queremos recuperalo".

Comentarios