Galiza perde cada día 10 persoas ocupadas no agro e gandeiría

En só un ano, 2015, temos 3.500 traballadores e traballadoras menos neste sector primario.

agro rural CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola'
photo_camera Foto: CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Mikel Arrazola'

O ritmo de destrución de emprego en sectores chaves da economía galega non minguou unha miga durante o 2015, o ano no que o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, situou o comezo da percepción pola sociedade da recuperación e do fin da crise económica. O Informe do mercado de traballo presentado esta semana pola central sindical CIG alerta do nivel de perda de empregos no agro e gandeiría: 3.500 só en 2015, unha media de case 10 ocupados menos cada día. “Non debemos esquecer que neste sector a perda dunha persoa ocupada leva implícito na maioría dos casos o peche dunha explotación”, advirten desde a central nacionalista.

“Non debemos esquecer que neste sector a perda dunha persoa ocupada leva implícito na maioría dos casos o peche dunha explotación”

A CIG lembra o estoupido da “burbulla na construción” para dicir que, na Galiza, perdeuse “practicamente o mesmo número de traballadores no sector da construción que na agricultura e gandaría”. Agro e gandeiría representaban no 2010 acollía o 6% das persoas ocupadas no noso país, e a finais de 2015 apenas chega ao 4,4%.

Mais durante este período, esa queda afectou a outros sectores, como se recolle no citado informe. Así, no que atinxe a pesca, pasouse de 20.400 persoas traballando a 18.100, o que supón que en apenas un lustro destruíronse 2.300 empregos. En Industria destruíronse 13.200 postos de traballo nese mesmo período (2010/2015), e en servizos, 18.300 ocupados menos. Na construción perdéronse 31.000 traballos nestes cinco anos. Nese mesmo período, no agro e gandeiría a queda superou os 22.000 ocupados. “E problemas como o do leite, lonxe de se resolver”, como lembra a CIG.  

Comentarios