O naval galego ten que pagar o 61% dos 2.800 millóns a devolver polo 'tax-lease'

Dos 2.800 millóns de euros que o comisario da Competencia confirmou que terá que devolver o naval do Estado español polas axudas do 'tax-lease', uns 1.700 millóns pagaraos Galiza

Dos 2.800 millóns de euros de axudas do 'tax-lease' que o naval do Estado español vai ter que devolver, por volta dun 61% sairá do sector galego. O máis prexudicado, e con diferenza, pola decisión adiantada polo comisario da Competencia da UE, Joaquín Almunia, e que o vindeiro 17 podería se facer firme en Bruxelas. Así, o naval galego tería que devolver por volta de 1.700 deses 2.800 millóns. O vasco uns mil millóns e o asturiano, en torno a cen millóns, segundo os cálculos de El País.

Así, o naval galego tería que devolver por volta de 1.700 deses 2.800 millóns. O vasco uns mil millóns e o asturiano, en torno a cen millóns

Só en Vigo, e en 2012, perdéronse perto de 3.000 empregos no naval. Segundo cálculos da patronal do sector. Ter que devolver 1.700 millóns de euros supón, sen eufemismos, liquidar a este sector e o seu peso económico e social en Vigo e Galiza. Obrigarlle a botar o peche. Unha denuncia que partillan todos os sindicatos (CIG, CCOO, UGT, CUT,...) e tamén os partidos políticos. Mesmo o PSdeG-PSOE, que vén de afirmar que é preferíbel que Almunia presenta a dimisión a que estrague sectores estratéxicos

Só Almunia?

En Joaquín Almunia estanse a concentrar todas as críticas pola decisión sobre a devolución das axudas. O PP carga duramente contra o que cualifica de “traidor”. Mais a decisión definitiva adoptarase nun organismo de Bruxelas onde os populares posúen maioría absoluta. Así pois, se hai que pagar o tax-lease vai ser porque os populares están de acordo.

Pymar, a agrupación que representa aos estaleiros privados, perto dunha vintena en todo o Estado, considera que ter que devolver as axudas de 'tax-lease' entre 2005 e 2011 é un ataque sen precedentes contra o naval.

Desde centrais como a CIG instaron a Rajoy a convocar ao sector “nun prazo máximo de 24 horas” ou do contrario desenvolverán mobilizacións máis contundentes. O secretario nacional do Naval da CIG, César Rodríguez, insistiu na necesidade de convocar unha folga xeral na comarca e sinalou a culpabilidade do Goberno español e da Xunta na “morte” do sector.

Comentarios