Galiza bate até setembro un novo récord de turistas

O número de persoas que fixeron noite na Galiza entre xaneiro e setembro superou por primeira vez os 9 millóns.

Turismo Compostela
photo_camera Turistas nas rúas de Compostela. [Imaxe: Xunta]

Galiza vai colleitando récords no que se refire ao turismo. Á espera dos efectos do Xacobeo, a cifra de visitantes segue a crecer. Entre xaneiro e setembro foron 4,1 millóns os turistas que se achegaron a visitar as cidades e recunchos do país, superando por primeira vez a cifra de nove millóns de pernoctacións.

Neste incremento ten moito que ver a crecente aposta nun modelo baseado nas vivendas destinadas a alugueiros de tipo turístico que fan que vilas e cidades estean afectadas polo fenómeno da xentrificación e a masificación turística.

Segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a demanda turística creceu na Galiza 6,5%, cifra que contrasta co 0,9% do Estado español, ao igual que o fixo o gasto das persoas que nos visitaron, 8,3% até 253 millóns de euros, grazas ao aumento da estancia media e a mellora das tarifas.

Máis xente de fóra

A estes resultados hai que sumar outro récord relacionado co turismo internacional. Nos nove primeiros meses do ano, o 24% das persoas que visitaron Galiza viñeran do estranxeiro, un dato nunca antes acadado.

A Xunta non quere que os datos queden aí. Para o Goberno o Xacobeo 2021 non debe ser “flor dun día” senón que ten que servir para dar “un salto de calidade” que permita consolidar esa senda de crecemento. De momento para a Xunta, lonxe de ser preocupantes, os datos son “esperanzadores”, tanto a nivel económico como social.

Comentarios