Galiza non comparte as previsións do FMI

O Fondo Monetario Internacional (FMI) prevé que a crise do coronavirus aseste un golpe histórico á economía española. As expertas cren que Galiza ten elementos diferenciais para mitigar o impacto da pandemia no seu tecido produtivo e mesmo para saír reforzada, sempre que deixe de apostar en sectores abocados a desaparecer.
Barcos bateeiros (Arxina).
photo_camera Barcos bateeiros (Arxina).

O Fondo Monetario Internacional (FMI) fixo tremer as economías de medio mundo, entre elas a estatal, após dar a coñecer as súas previsións para 2020, nas que apuntaba unha caída de 8% no Produto Interior Bruto (PIB) do Estado español e de 20% no emprego. 

Pero como sinalan a Nós Diario economistas, Galiza non pode compararse ao conxunto do Estado español, xa que ten a súa propia realidade. Como lembra a profesora do departamento de Economía Aplicada da USC, María Cadaval, o Foro Económico de Galicia, do que ela forma parte, apuntaba unha caída de entre 5,6% e 7,4% do PIB galego. "É algo distinta, pero está próxima".

Sobre a situación actual, sinala que "comezou como unha crise de oferta que agora transita cara a unha crise de demanda. O que temos que evitar é unha crise financeira, pero se isto dura dous anos non se vai poder eludir". Mais, a diferenza da crise económica de 2008, desta vez o Banco Central Europeo (BCE) reaccionou a tempo inxectando liquidez xa nos primeiros compases porque, segundo Cadaval, "somos conscientes da necesidade de que o rego sanguíneo (en alusión aos cartos) non pare".

Naqueles anos, a Galiza contaba cun ecosistema financeiro propio, con entidades como Banco Pastor, Caixa Galicia ou Caixanova. Hoxe só queda Abanca, pero o risco de que se produza un colapso é menor. "Iso non quere dicir que os bancos non tiñan risco de crédito, pero está directamente relacionado coa duración da pandemia. Se non hai rebrote, desde o punto de vista financeiro, está todo controlado", apunta a economista.

Sectores con potencial

A lectura positiva desta crise é que está a servir para poñer en valor determinados sectores produtivos, como o agroalimentario, que ten un potencial de mellora "como non teñen outros territorios" o que pode contribuír a que a economía galega non saia tan debilitada. 

O problema, sinala Cadaval, é que existen "riscos importantes" no sector do metal, que se non se recupera pronto pode vivir unha crise "considerábel e con consecuencias importantes". "Na Galiza temos moitos sectores por desenvolver e pode ser unha oportunidade centrarse neles para a recuperación, non  en sectores abocados á desaparición, que hai que substituír polos que teñen futuro", incide a integrante do Foro Económico. 

"A industrialización dos nosos procesos debe ser unha prioridade", engade, xa que con empresas máis grandes "as posibilidades de aguantar son maiores".

Pero, sobre todo, a chave vai estar en non poñer "todos os ovos na mesma cesta" e fiar o crecemento a varios sectores e aos servizos de alto valor engadido. E, neste senso, lembra que "non son máis ricos os países que máis invisten, senón os que son capaces de inducir a investigación, o desenvolvemento e a innovación".

Aposta na relocalización

Pola súa banda, a súa compañeira de departamento na USC, María do Carme García Negro non se atreve a facer predicións. "O que vaia ser a crise xa se verá, mais o que hai que facer é tomar medidas para evitar que sexa catastrófica".

De momento, sinala a Nós Diario, "estamos a dar de comer ao Estado español, coa conserva traballando e vendendo 30% máis, e grazas que o leite non desapareceu, nin a carne nin o polo nin os ovos...". Ao igual que Cadaval, a profesora da USC, ve moitas posibilidades no sector agroalimentario. "No agro transformamos moito menos que a pesca e limitámonos a vender a materia prima", lamenta.

Por sorte, en sectores como o da confección as cousas están a mudar. "As firmas que presentan fabricación na Galiza xa tiñan tomada a decisión antes da crise de ir relocalizando moitas das actividades que tiñan externalizadas", pero noutros, como a automoción, a transformación do aluminio ou a lousa "é difícil saber que vai pasar".

"Habería que ir cousa por cousa. A aeronáutica vai ir moi ben, pero o turismo vai ser un desastre", augura García Negro, quen opina que na Galiza "non hai que reformular política industrial, hai que facer unha". 

Nese senso, critica que a Xunta fiase ao Xacobeo a mellora da economía neste exercicio. "Sería temerario, pero ao mellor a xente cando pense que está normalizado vén como tola facer o Camiño", ironiza. 

A parte boa, indica, é que o sector empresarial máis dinámico e activo na Galiza "é moi bo", e leva a cabo actividades que nos sitúan "con moitas posibilidades", tanto para abastecer o mercado interior galego como para exportación. A saída, pois, pasa por estender ese funcionamento a outros sectores. 

Comentarios