Galiza é o terceiro territorio do estado cos salarios máis baixos


Galiza é o terceiro territorio do estado cos salarios máis baixos. O soldo medio no país é de 20.242 euros, 2.500 menos que no estado. A fenda entre homes e mulleres segue a ser destacábel
A fenda salarial segue a alargarse
photo_camera A fenda salarial segue a alargarse

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de publicar a súa enquisa de estrutura salarial. Un informe de mercado laboral en que se plasma que Galiza é o terceiro territorio do estado en ter os salarios máis baixos, só superada por Extremadura e Canarias. No país, o soldo medio é de 20.242 fronte aos 22.790 do estado, un 11,2% inferior. 

Mais nese salario medio no país tamén existe unha importante fenda por cuestión de xénero. Os homes gañan de media 22.626 euros entrementres as mulleres quedan en 17.691.

Por sectores, na industria o salario medio está en 22.135 euros, en servizos anda pola volta de 19.700, entrementres en servizos sitúase en perto de 18.000. Canto ás actividades con peores salarios, estas son as que atinxen á hostelaría, actividades administrativas e servizos auxiliares.

Temporalidade

Xa a nivel de estado, o informe que vén de publicar o INE constata aspectos de interese que revelan a realidade do mercado labora. Así, os e as traballadoras temporais gañan de media un 32% menos que os e as fixas.

Cómpre lembrar que os datos do INE non veñen máis que constatar informes e documentos presentados no seu momento por diferentes organizacións e colectivos. Un exemplo está no sindicalismo. O Gabinete Técnico de Economía da CIG, a partir de datos feitos públicos pola Axencia Tributaria, elaborou un destes documentos. Destes datos tírase ademais que a mocidade é a máis prexudicada, porque alén de baixos salarios, soporta unhas taxas de paro intolerábeis e contratos de escasa duración.

O 27% das persoas asalariadas en Galiza percibiron como máximo o SMI (un 15 % apenas a metade deste). Conxuntamente recibiron o 6% do total da masa salarial dos galegos/as. O 1,5% das persoas asalariadas en Galiza de maiores ingresos (máis de 7,5 veces o SMI) percibiu o 7,7% do total das rendas salariais galegas. Os números falan por si propios: o 1,5% das persoas asalariadas de maiores ingresos acapasen unha maior porción da masa salarial que o 27% de menores ingresos

Comentarios