Galiza leva 60 anos no vagón de cola en renda

Galiza segue a figurar entre as comunidades máis pobres do Estado español por renda relativa e só consegiu escalar un posto nos últimos 60 anos.
Xente no paseo da Coruña (Arxina).
photo_camera Xente no paseo da Coruña (Arxina).

Nos últimos sesenta anos as cousas mudaron moito no Estado español. Xa non falamos de política e do cambio de réxime, senón de desigualdades entre territorios. Fedea vén de publicar un informe que constata que desde a década dos anos 60, nos que a ditadura franquista comezou a abrirse cara o exterior, a fenda entre territorios ricos e pobres no Estado español reduciuse á metade. No período analizado, Galiza escalou un chanzo na relación de territorios por renda relativa, pero só para pasar da penúltima posición que ocupaba en 1955 á antepenúltima posición en 2018. 

Con todo, o traballo realizado Ángel de la Fuente, sitúa a Galiza. Xunto con outros territorios, como Asturias, Cantabria e Castela e León, mantén un patrón de converxencia suave a alza durante todo o período, aínda que con certos altibaixos, apunta. Agora a renda per cápita presenta unha desviación inferior a 10%, cando ao comezo do período situábase arredor do 40%. Nas mesmas cifras móvese a produtividade nominal. Menos acusada é a variación no que atinxe á taxa de ocupación da poboación en idade de traballar (de 16 a 64 anos), que rexistra agora cifras negativas.

No seu traballo, o autor analizou a renda per cápita a través de tres variábeis, como son a demografía o emprego e a produtividade. Entre as súas conclusións, sinala que a distancia entre os dous extremos da distribución da renda diminuíu grazas a que as rexións máis pobres, nas que inclúe a Galiza, melloraron a súa situación relativa, namentres  as máis ricas xeralmente perderon terreo. Trátase, pois, dun proceso de redución das disparidades de renda por habitante no que a maior parte da variación de renda relativa entre o comezo e a fin do período débese á evolución d compoñente de productividade, que perde importancia como fonte de disparidades de renda.

A distancia entre os extremos en términos desta variábel reduciuse desde 97 puntos en 1955 até 30 en 2018. A situación é moi distinta no caso da compoñente de ocupación, onde a distancia entre os extremos aumenta desde 24 até 40 puntos.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios