Galiza intenta mellorar os límites de capturas sen quitar a vista do Brexit

Mar considera "netamente negativa" a proposta de cotas da Comisión Europea para o Cantábrico Noroeste, á espera do que aconteza coas de Gran Sol e Francia, pendentes das negociacións do Brexit.
mar pesca flota barco peixe
photo_camera Mar negocia con Bruxelas os límites de capturas para 2021. (Foto: Nós Diario)

Galiza trata de acadar o mellor marco posíbel para o seu sector pesqueiro en 2021, mais de momento as negociacións non están a deixar os froitos desexados. No caso dos totais admisíbeis de capturas (TAC) e cotas o balanzo, en palabras da propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, é "netamente negativo" para os intereses da flota e da industria galega. 

No encontro virtual desta terza feira coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, Quintana defendeu a necesidade de que haxa flexibilidade na xestión das pesqueiras e de na fixación das posibilidades de pesca se teñan en conta non só os aspectos ambientais, senón tamén económicos e sociais, especialmente no actual escenario, marcado pola crise do coronavirus. 

Esa flexibilidade permitiría mellorar a actual proposta da Comisión Europea, que, á espera de que se resolva a negociación do Brexit para fixar as do Gran Sol e Francia, apunta unha redución de 13% nas capturas de pescada e peixe sapo no caladoiro do Cantábrico Noroeste, e 11% no caso do galo.

Gonzalo Rodríguez, profesor de economía aplicada da Universidade de Compostela (USC), recoñece a Nós Diario que a petición de maior flexibilidade atendendo a criterios económicos e sociais "é lexitima que a Xunta o pida e é o que debe facer". 

Como relata, o peso económico da pesca na economía é un bo argumento para negociar. Con todo, pese a consideralo un "valor moral importante" aclara que "non é un criterio formal" de cara a obter o que se pretende. "Algunhas veces funcionará e outras non".

Aínda así é optimista. "Este ano, que hai unha sensibilidade especial polo tema da Covid-19, con informes sobre como está afectando no ámbito específico da pesca, creo que é un argumento importante para poñer enriba da mesa, pero non hai garantía de que vaia ser determinante", insiste.

Como relata, desde a súa entrada na Unión Europea, Galiza foi capaz de consolidar unha industria da pesca, a máis importante de Europa. Por iso defende que "tratar por igual a unha industria así, que ten un efecto de arrastre enorme sobre o seu territorio, non parece ecuánime"

Outra cousa son os criterios biolóxicos, que son os que están a definir a proposta de Bruxelas e que non se poden deixar de lado, xa que, como advirte "podes correr o risco de que o que pesques de máis neste momento non o poidas pescar o ano que vén se colapsas a pesqueira, como pasou no seu momento coa sardiña"

Pendentes do Brexit

As capturas preocupan, mais tamén o fan as negociacións do Brexit. Para a conselleira do Mar, non é o momento de baixar a garda, e solicitou que o acceso ás augas por parte dos buques da Unión Europea a cambio do acceso ao mercado comunitario por parte dos produtos británicos sexa unha das máximas desa negociación.

Para o profesor Gonzalo Rodríguez, unha postura excesivamente firme dos países da unión na negociación do Brexit pode provocar que en última instancia o prexudicado sexa a pesca. "É necesario facer presión para tratar de levar Reino Unido cara un acordo, pero que non sexa a costa da pesca", insiste. 

"Para nós, unha saída sen acordo é o peor escenario", anticipa, e de momento as negociacións "van mal", precisamente pola inexistencia dese acordo, que suporía que a flota galega con bandeira de Reino Unido tivese que pagar aranceis para descargar nos portos galegos, o que levaría a unha suba dos prezos nun primeiro momento e, posteriormente a un "desprazamento da produción" cara zonas, como Chile no caso da pescada.

Outra das consecuencias sería a perda de zonas de pesca para franceses e belgas, que deixarían de pescar no Canal da Mancha e pasarían a Irlanda, onde faena a flota galega abandeirada na Galiza. Esto traduciríase nun aumento da competencia para repartir TAC e cotas con tendencia á baixa.

Mais para o Reino Unido tamén sería un problema non chegar a acordos, xa que terían dificultades para dar saída á parte da pesca de pescada e gallo que non consomen, así como para importar especies como no caso do lirio, que non capturan suficientemente.

Comentarios