A Galiza figura entre os territorios en que máis litixios perde a Axencia Tributaria

O Círculo de Empresarios solicita unha reunión con Valeriano Martínez para abordar o problema da alta litixiosidade na Galiza.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, terá que dar conta da alta litixiosidade fiscal na Galiza (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, terá que dar conta da alta litixiosidade fiscal na Galiza (Foto: Xunta da Galiza).

Os tributos están estes días en boca de moita xente. Se non é pola campaña da Renda, é polas medidas que estuda implantar o Goberno español, como a polémica supresión das bonificacións por tributación conxunta.

O problema é que á hora de liquidar eses impostos adoitan producirse discrepancias entre o declarado e o que estima a Axencia Tributaria, tanto a estatal como a galega (Atriga). De feito, Galiza está á cabeza en estimacións de recursos de persoas contribuíntes referidos sobre todo aos impostos de sucesións, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

En 2019 presentáronse 13.359 recursos contra liquidacións no Tribunais Económico-Administrativos da Galiza (TEAR-G), principalmente contra o Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF), con 3.623 reclamacións; o de Sucesións (2.339) e o de Transmisións (2.230). Representan o 7,4% do total de reclamacións presentadas no Estado español.

No caso das liquidacións do Imposto de Sucesións, Galiza é o segundo territorio (por detrás de Andalucía) en número de recursos contra as resolucións da Atriga, que son admitidos en 80,11% dos casos ─a taxa máis alta do Estado─.

No de Transmisións patrimoniais, Galiza ocupa o cuarto posto, superada por Murcia, Andalucía e País Valenciano, e tamén ten "a dubidosa honra", como destacan desde o Círculo de Empresarios da Galiza, de ser dos primeiros territorios nos que os tribunais económico-administrativos tomban máis resolucións (76%), só superada por Aragón e Cantabria, que presentan uns índices de litixiosidade moi inferiores aos da Galiza.

Prexuízo para as empresas

Nesta liña, segundo a análise da entidade empresarial, Galiza sitúase por baixo dos índices de resolución anual (103%, fronte 117% da media do Estado español) en relación ao total das reclamacións presentadas, "o que implica maiores demoras e, por tanto, maiores prexuízos sobre todo para as empresas", apunta a presidenta do Círculo, Patricia García.

Porén, destaca que o Tribunal Económico-Administrativo da Galiza (TEAR-G) estima máis da metade das reclamacións presentadas. "Lonxe de crer que somos unha comunidade especialmente litigante, basta comprobar que o TEAR- G estima máis do 56% das reclamacións totais, dez puntos por riba da media española", aínda que tamén recoñece que a situación "é máis crítica" cando as reclamacións se dirixen contra os principais impostos transferidos á Galiza e ás resolucións da Atriga.

Desde o Círculo non ocultan a súa "preocupación" por esta realidade, xa que, segundo a súa presidenta, "a seguridade xurídica é un dos máis prezados bens dunha democracia asentada e un elemento vital para propiciar tanto o investimento empresarial como a atracción de poboación, obxectivos estes últimos que, dentro das nosas posibilidades, perseguimos desde o Círculo".

Unha preocupación, apunta, que podería ser asumíbel polas empresas galegas "se non fose polas insoportábeis demoras das tramitacións administrativas, que poñen en xogo os balances das nosas empresas e, con iso, nosa propia supervivencia", advirte García.

Reunión co conselleiro

Ante este panorama, a presidenta do Círculo de Empresarios da Galiza vén de solicitar unha reunión co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, para abordar e tentar buscar solucións á alta litixiosidade fiscal na Galiza.

Fíxoo a través dunha misiva na que pide retomar as conversas iniciadas en 2019 á vista de que "a situación non mellora", tanto no que se refire á litixiosidade per se como á elevada porcentaxe de resolucións administrativas tributarias que son anuladas polo Tribunal Económico-Administrativo da Galiza (TEAR-G).

A carta ao conselleiro vai acompañada do resumo estatístico extraído da memoria de 2019 dos tribunais económico-administrativos.

Comentarios