Galiza fecha setembro cun 12% máis de desempregad@s que hai un ano

En total, no Servizo público de emprego do noso país hai 259.373 traballador@s anotad@s, até 26.455 máis que hai doce meses. No conxunto do estado a cifra sobe d@s 4.700.000 desempregad@s. CIG valora que a destrución de emprego na Galiza leva ''un avance imparábel''

Galiza fechou o mes de setembro cun total de 259.373 persoas en situación de desemprego. Con esta cifra, que facilitou esta terza feira o ministerio de Emprego e Seguridade social, xa se aprecia unha lixeira suba --2.106 persoas-- respecto de agosto. Mais se procedemos á comparativa interanual, que permite comprender mellor o contexto de evolución desta taxa, o incremento sitúase no 11,36%, con 26.455 destruídos nestes doce meses.

De analizarmos os datos por sectores veremos que o dos servizos é o que rexistra os peores datos, cunha suba do 3%. A Xunta escúdase en "o mes de setembro rexistra tradicionalmente incrementos do paro" e que a concentración nun só sector "deriva da finalización de contratos na etapa estival". Efectivamente, tal concentración dá conta da alta temporalidade rexistrada nos meses do verán, e da precariedade laboral que isto carrexa. Así, no mes de setembro asináronse 60.957 contratos laborais: o 92,2% deles foron eventuais.

Máis datos: o 40,6% das persoas que se atopan no desemprego non cobran a día de hoxe ningún tipo de prestación, segundo detalla o Servizo público de emprego. Son, en total, 106.408 @s traballador@s que non están a ter ningún ingreso.

No conxunto do estado, son 79.645 máis as persoas que quedaron sen traballo remunerado, un 1,72% respecto do mes anterior. Ao peche de setembro e após dous meses consecutivos subindo, a cifra total de desempregad@s ascende a 4.705.279, cunha variación interanual do 11,98% que se traduce en 478.535 traballador@s máis nas listas do paro. A caída do emprego afectou especialmente ás mulleres, cuxa porcentaxe é un punto máis alta que a dos homes.

Un avance "imparábel"
Cadrando coa publicación das cifras do desemprego de setembro, o sindicato CIG informou de que nos últimos catro anos no noso país foron destruídos "máis de 100 mil postos de traballo". As cifras son aínda "máis alarmantes" se se toman en conta @s Demandantes de emprego non ocupad@s, a suma das persoas que non teñen traballo remunerado e aqueloutras que non computan por estar realizando cursos de formación. Así, o número total de desempregad@s na Galiza é de 275.859, segundo datos do Servizo público estatal.

Atendendo ao número de persoas que non reciben ningún tipo de prestación, CIG alertou das "graves consecuencias" que o endurecemento das condicións para acceder ás prestacións por desemprego e a aqueloutras non contributivas, avocando "á exclusión social" a quen non teña traballo remunerado "e ás súas familias". Por conseguinte, o sindicato nacionalista atopou nos datos do paro a constatación da "nula eficacia" que, lonxe de pular pola creación de emprego, vén demostrar que as políticas económicas do PP son "incapaces" de reactivar os sectores produtivos do país.

Comentarios