Galiza segue na 'Champions' das exportadoras

As exportacións galegas fecharon 2019 cun retroceso de 3%, pero superando novamente os 22.000 millóns de euros de valor económico dos bens exportados.
Patricia García, Maica Larriba e Sergio Prieto na presentación do informe do ICEX
photo_camera Patricia García, Maica Larriba e Sergio Prieto na presentación do informe do ICEX

Galiza consolidouse o pasado ano como sexto territorio exportador no conxunto do Estado español, o que a sitúa "na Champions de exportadoras, con Coruña no quinto posto e Pontevedra no noveno", segundo lembrou Patricia García, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia.

En 2019, as exportacións galegas volveron superar os 22.000 millóns de euros, aínda que retrocederon 3% en relación ao ano anterior. Así se desprende do Informe de comercio exterior de Galiza 2019, presentado onte polo delegado do ICEX, Sergio Prieto, nun acto no que estivo acompañado pola presidenta do Círculo e a subdelegada do Goberno español en Pontevedra, Maica Larriba, quen resaltou que preto de 93% das exportacións e importacións concéntranse nas empresas do eixo Ferrol-Tui, namentres as de Ourense e Lugo supuxeron 3,94% e 2,93% das exportacións, respectivamente, e 2,98% e 3,73% das importacións.

Os compoñentes de automoción, produtos pesqueiros, petróleo e téxtil volveron ser un ano máis os capítulos con maior peso no volume das compras exteriores galegas. "Estamos adquirindo materia prima ou produtos semielaborados para rematar de elaborar aquí, aportarlles valor engadido e vendelos no mercado nacional ou internacional", explicou Prieto, quen sinalou a necesidade de diversificar destinos e sectores e aumentar o tamaño das empresas.

En relación a este último aspecto, o informe recolle que en 2019, foron 7.132 as empresas galegas que exportaron nalgunha ocasión, 1,7 % menos que en 2018; a cifra supón só 3,4 % das empresas do conxunto do Estado español, moi lonxe del 7,7% que representa o volume económico das nosas exportacións. Tamén sinala que foron apenas 2.370 as empresas que superaron os 50.000 euros de valor nas súas exportacións. 

"É nisto no que deberíamos esforzarnos", apuntou Prieto, xa que "só cinco empresas galegas concentran 43% do total exportador". A isto hai que sumar o grado de dependencia do mercado interior europeo. Galiza é o cuarto territorio con maior concentración, xa que 77% do exportado vai a países da UE, doce puntos por riba da media española.

Con todo, Prieto albisca un cambio de tendencia, con maior protagonismo das vendas á China, que creceron 27% o último ano, a Suecia (13%) e 9% aos Estados Unidos de América (EUA), pero sobre todo a Polonia. "Exportamos máis a Polonia que aos Estados Unidos de América", subliñou. 

Riscos para a economía

Precisamente, o delegado do ICEX na Galiza advertiu de que "cinco mercados concentran a metade das nosas exportacións, e deles catro tiveron problemas o ano pasado". Esta situación pode verse agravada en 2020 polos efectos das medidas económicas e comerciais de EUA, as negociacións do Brexit e

a incidencia do coronavirus (COVID-19) que, segundo avanzou, pode provocar que en "dúas ou tres semanas" se produza un "desabastecemento" de produtos procedentes da China, así como unha caída das exportacións de produtos galegos a Italia a curto e medio prazo. O dano pode ser considerábel para o sector da pesca conxelada, que ten neste país a un dos seus mellores clientes comerciais. Un descenso da demanda obrigaría ás empresas galegas a buscar "mercados alternativos".

Os desabastecementos aos que fai referencia Prieto afectarían en maior medida son os da automoción, a maquinaria e o téxtil, dado que se trata dos que máis importacións reciben da China. Porén, indicou que as empresas galegas poderían recorrer neses casos a provedores doutros países da Unión Europea, que aínda que ofrecen produtos "máis caros", achegan tamén unha maior proximidade e, polo tanto, menos custos de transporte. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.      

Comentarios