A creación de empresas estáncase na Galiza: caeu 9,3% en abril e cada día disolvéronse dúas sociedades

A Galiza rexistra unha maior caída de inscricións de novas empresas que a media estatal.
Imaxe de arquivo dun local que anuncia liquidación do 'stock' por fechamento (Foto: Europa Press).
photo_camera Só en abril deste ano desapareceron 75 empresas. (Foto: Europa Press)

O número de novas sociedades mercantís baixou 9,3% en abril na Galiza, a respecto do mesmo mes de 2021, até sumar un total de 372 compañías, segundo datos difundidos esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Estas cifras supoñen un descenso superior ao da media estatal, xa que no total do Estado español a creación de empresas diminuíu 8,2% en comparanza co cuarto mes do exercicio pasado, con 8.474 firmas.

Pola súa parte, disolvéronse no país 75 empresas, 28,6% menos que hai un ano, situándose a Galiza como o territorio do Estado onde máis baixou este dato, seguida de Aragón (-25,5%) e de Castela e León (-20,9%).

O total de 372 empresas constituídas en abril na Galiza subscribiron un capital de 18,6 millóns de euros, que xa está desembolsado. Delas, até 371 eran sociedades limitadas. Aliás, 89 firmas ampliaron capital, con 16,3 millóns de euros.

Datos estatais

A nivel estatal, o número de novas sociedades mercantís baixou 8,2% en abril a respecto do mesmo mes de 2021, até 8.474 empresas, sempre segundo os datos do INE.

Para a constitución das 8.474 empresas creadas en abril subscribíronse máis de 282,8 millóns de euros, o que supón 14,8% menos que en igual mes de 2021, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 33.373 euros, descendeu 7,2% interanual.

Á vez que diminuíu a creación de sociedades, en abril retrocedeu tamén a disolución de empresas, 10,7% a respecto do mesmo mes do ano pasado, até un total de 1.661. Desta forma, cada día do mes de abril deixaron de operar no Estado español 55 empresas.

Nos catro primeiros meses do ano constituíronse 0,4% máis de empresas que igual período de 2021 e desapareceu 9% máis de sociedades.

Comentarios