Galiza garante a despensa para facer fronte ao coronavirus

Os supermercados e grandes superficies da Galiza están a experimentar estes días unha avalancha inusual de compras desde que o Goberno español anunciou as primeiras medidas para facer fronte á expansión do coronavirus. Por sorte, no país hai poucas referencias que non teñan un fabricante local
Conservas nun supermercado. (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera Conservas nun supermercado (Xoán Roberes)

A crise do coronavirus levou a moitas traballadoras a cambiar a oficina polo fogar. En moitos dos casos é unha medida de prevención por parte das empresas, pero tamén hai casos nos que é a propia enfermidade a que obriga a permanecer illados nas casas. 

Esta situación, até agora descoñecida, provocou un estado de alarma entre a poboación que se traduciu en grande medida nunha avalancha de compras compulsivas nos supermercados, onde estes días era difícil atopar produtos como pastas, lixivias ou celulosas de fogar, panos de papel e papel hixiénico ante todo.

Segundo un estudo elaborado pola consultora Kantar, após o anuncio de medidas extraordinarias para facer fronte á expansión do coronavirus por parte do Goberno español a pasada terza feira, o gasto nas grandes superficies de alimentación disparouse 154% en relación á media semanal dos meses anteriores, e 180% o día seguinte. 

A xente que se declara moi preocupada polo coronavirus, que segundo Kantar representa 35% da poboación do Estado español, amosa un incremento de gasto en produtos de gran consumo superior á media. Entre os máis demandados figuran o xabón de mans, cuxas vendas aumentan preto de 250%, as celulosas do fogar, con 129% e a lixivia con deterxentes, cun incremento da demanda de 153%.

Chamamento á calma 

A Asociación Agraria da Galiza aseguraba estes días que é "totalmente imposíbel" que poida haber un problema de desabastecemento nos comercios galegos. "Pese á alarma provocada polo coronavirus, a sociedade debe saber que está garantida a chegada dos bens de primeira necesidade a todos os estabelecementos", apuntaba a entidade nun comunicado. 

Ante esta situación, a asociación fai un chamamento "á calma" e a evitar o "permanente estado de alarma" no que vive a poboación. Neste senso, amosa a súa "total confianza" na estrutura de produción e distribución de produtos agroalimentarios na Galiza. "As nosas gandeiras e agricultoras continúan producindo coa mesma profesionalidade, calidade e periodicidade de sempre", lembran desde a asociación. 

"Pese á alarma provocada polo coronavirus, a sociedade debe saber que está garantida a chegada dos bens de primeira necesidade"

E é que Galiza non ten de que preocuparse, xa que o país é dos poucos territorios que poden presumir de encher os estantes dun supermercado con productos locais. Esto facilita moito o reparto en casos de desabastecemento, aínda que moitos deses produtos que se fabrican dentro das nosas fronteiras tamén se distribúen polo resto do estado español. 

Un claro exemplo é o das conservas, un sector produtivo no que Galiza é líder indiscutíbel, con numerosas referencias de primeira calidade. E iso sábeno ben as consumidoras, que estes días están facendo aprovisionamento de latas de conserva para tirar delas en caso de illamento polo coronavirus.

Neste sector, ao igual que sucede en menor medida no do leite, é difícil atopar referencias de fóra da Galiza. O mesmo sucede cos produtos frescos. A froita, as patacas ou a verdura, mesmo o pan, que en breve contará con selo de calidade propio, son en boa parte feitos na terra, o que repercute positivamente nos seus custos, xa que o gasto en transporte é menor e, consecuentemente, na súa pegada medioambiental, xa que as emisións son menores e o seu cultivo contribúe á mellora da calidade da terra, entre outras moitas vantaxes. Certo é, que cada día son máis os produtos de invernadoiro doutras latitudes nos lineais dos supermercados, pero en calidade non poden competir. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios