Galiza descólgase na batalla polo talento

O país está na parte baixa da táboa de territorios do Estado en canto a capacidade de reter e atraer talento.

Xente camiñando_Youtube

Nos vindeiros anos imos asistir a unha gran “caza de talentos” por parte de entidades públicas e privadas, motivada polas exixencias e necesidades no desenvolvemento de campos como o da intelixencia artificial. Quen vaticina isto é Javier Quesada, investigador do Instituto valenciano de investigacións económicas (IVIE) e un dos autores do ‘Mapa do Talento de España’, o primeiro estudo que analiza e compara a capacidade de atraer e reter o talento nas diferentes comunidades autónomas.

Os resultados do estudo debuxan un mapa do Estado con tres partes claramente diferenciadas: a constituída polos territorios líderes en atraer e reter o talento, aqueles que se sitúan na ‘zona intermedia’ e por último, as comunidades con peores resultados. Cada territorio recibe unha puntuación outorgada a partir de 52 indicadores agrupados en seis piares fundamentais. Indicadores nos que se recollen múltiples variábeis, desde a eficacia da administración até o gasto público en educación, pasando pola capacidade de atraer capital, a apertura do mercado laboral ou mesmo a sostenibilidade ambiental.

Galiza obtén una puntuación de 38, 10 puntos menos que a media española (48,6), o que sitúa o noso país no posto 12 entre as 17 comunidades en capacidade de atraer e reter o talento. Estamos nese grupo ‘intermedio’ de territorios que non é nin o dos que están no alto do ranking (posto reservado para Madrid, Nafarroa, Catalunya e Euskadi) nin dos que está na cola (Canarias, Castela- A Mancha, Murcia, Estremadura e Andalucía).

Porén, neste grupo ‘intermedio’, conformado por Asturies, Aragón, Cantabria, Castela-León, Valencia e Baleares; somos os que peor puntuación temos. Estamos 10 puntos por baixo de Asturies, Aragón e A Rioxa, que teñen 48; e só 2 por riba de Andalucía (36 puntos), que é a primeira comunidade do grupo da parte máis Baixa do ranking. Unha posición que non convida ao optimismo.

Galiza fica por baixo da media española en 10 dos 14 ámbitos analizados. Melloramos resultados, por riba desa media, en empleabilidade e ensino formal, por exemplo. Mais en apartados como mercado de traballo, oportunidades de crecemento ou sostenibilidade suspendemos con rotundidade. O informe tamén destaca as fortalezas da Galiza, que resume en tres: as maiores oportunidades de liderado das mulleres, o elevado desenvolvemento da educación formal e a nosa apertura interna.

O estudio aprecia una correlación entre os resultados autonómicos de talento e a renda por habitante.

Comentarios