Galiza, o territorio onde menos se incrementa o investimento do estado

Os Orzamentos do Estado prevén para 2015 un 8,16% máis no investimento estatal. Porén, Galiza só percibirá un 2,12% máis, o menor incremento após a cidade autónoma de Melilla. 

Os Orzamentos do Estado para 2015 foron presentados nas Cortes españolas polo ministro de Economía e Facenda, Cristóbal Montoro, esta terza feira (30 de setembro). Nas contas públicas para este exercicio o Goberno español prevé un incremento do 8,16% nos investimentos territorializados. Porén, Galiza sitúase como a comunidade onde menos aumenta --só o 2,12%-- logo da cidade autónoma de Melilla. 

O vindeiro ano, o Estado español trasferirá a Galiza 1.385,78 millóns de euros en concepto de investimento, o que sitúa o noso país como o terceiro territorio --en termos absolutos-- con maior orzamento (12,3%). Ora ben, Galiza perderá diñeiro en 2015 na partida destinada á compensación intraterritorial (42.918,38 millóns, un 1,63% menos). Estes fondos están destinados a paliar os desequilibrios entre os territorios. Segundo o executivo de Mariano Rajoy, esta decisións débese a factores de "renda", "poboación" e "saldo migratorio". 

Fondos de compensación e complementarios para financiar infraestruturas

O groso do investimento estatal dirixirase a infraestruturas viarias e ferroviarias. No concreto, ao financiamento da liña de Alta Velocidade. Razón pola que Galiza continúa a ser unha das comunidades con maior aportación económica estatal. Priorízanse pois as liñas de TAV do corredor norte-noroeste, entre elas Madrid-Galiza (Olmedo-Zamora-Ourense-Vigo, por Cerdedo). Tamén así, a liña Ponferrada-Monforte: Lugo-A Coruña e Ourense-Lugo; a liña do Eixo Atlántico e a Variante da Pobra de San Xián (Lugo). 

Neste senso, o Estado español inviste en autovías, estradas e autopistas, aproximadamente, 30 millóns de euros procedentes dos fondos de compensación (19,34 millóns) e complementarios (10,73 millóns). 

Aliás, as partidas complétanse con 7,7 millóns para medio rural; 5,16 millóns de abastecementos e distribucións de augas e 7,68 millóns para infraestruturas portuarias

Comentarios