Galiza, Cantabria e Asturies crean o superclúster da eólica mariña

Un supercluster dos Gobernos galego, asturianos e cántabro xunto a 112 empresas busca impulsar o sector da eólica mariña no norte peninsular.
Parque eólico mariño (Foto: Acciona)
photo_camera Parque eólico mariño (Foto: Acciona)

Galiza, Asturies e Cantabria formalizaron esta sexta feira, 24 de setembro, a creación do Supercluster Atlantic Wind (SAW), unha alianza para impulsar a enerxía eólica mariña no Mar Cantábrico que parte de tres agrupacións industriais do sector integradas por 112 empresas.

O conselleiro cántabro de Industria, Javier López Marcano, recibiu como anfitrión os conselleiros de Industria galego e asturiano e os integrantes das agrupacións industriais dos tres territorios. Marcano opinou que as tres comunidades están "sobradas de argumentos e fundamentos" para levar a cabo este proxecto enerxético.

Pola súa banda, o conselleiro galego de Economía, Francisco Conde, destacou que a posta en marcha desta agrupación industrial nace da "visión compartida" que a Galiza, Asturies e Cantabria teñen da industria e da transición enerxética. Avogou por traballar desde o consenso e por crear sinerxías, subliñando a importancia da colaboración público-privada como a fórmula para afrontar o actual proceso de transformación económica, dixital e sostíbel.

O acordo de colaboración para pór en marcha a alianza estratéxica SAW subscribírono os presidentes das tres principais agrupacións industriais vinculadas á eólica 'offshore' do norte peninsular: polo Sea of Innovation Cantabria Cluster, Luis San Segundo; por Galician Offshore Energy Group (GOE-ASIME), Enrique M. Mallón; e do Consorcio Tecnolóxico da Enerxía de Asturies, Indalecio González.

Con todo, trátase dunha alianza aberta en que se espera a curto prazo a incorporación doutras asociacións do norte peninsular.

A alianza persegue favorecer as relacións co Goberno estatal para facilitar o desenvolvemento da eólica mariña no Estado, especialmente na costa noratlántica da península. Precisamente, o norte peninsular conta con  plantas fabricantes de turbinas, ademais de "ampla" cadea de provedores e centros de investigación.

Risco para a pesca

A Comisión de Pesca do Parlamento europeo emitiu en xullo un informe en que advirte, ante o aluvión de proxectos de enerxía eólica mariña que se está a producir en todo o litoral comunitario, dos efectos negativos que estas infraestruturas provocan sobre a actividade pesqueira

Sinala que especialmente a costa atlántica e os pequenos caladoiros, onde faena 80% da frota europea, pode verse afectada pola instalación de aeroxeradores. Así, recalca a necesidade dunha "maior investigación" sobre o impacto dos eólicos e fai fincapé na importancia de realizar "estudos rigorosos e detallados" do impacto ambiental e económico.

Comentarios