Análise

A Galiza ben vale unha misión de modernización tecnolóxica de seu

A pandemia declarada pola OMS o 30 de xaneiro de 2020 e a chegada de recursos europeos en forma de fondos Next Generation como resposta anticíclica á crise supuxeron, de inicio, un cambio na dirección das políticas da UE. E dise de inicio, xa que non coñecemos as posíbeis contrapartidas.
Acto de presentación da candidatura galega ao Next Generation. (Foto: Xunta da Galiza) #nextgeneration #fondos #ue #tecnoloxía #innovación
photo_camera Acto de presentación da candidatura galega ao Next Generation. (Foto: Xunta da Galiza)

Sabemos con certeza cal é o motivo da creación do programa Next Generation EU. Este programa foi creado como plan de recuperación e modernización da economía. Con este obxecto a Unión Europea (UE) puxo a disposición dos Estados membros un financiamento por valor de 750.000 millóns de euros,140.000 para o conxunto do Estado español, destinado á realización de proxectos que comporten unha mudanza estrutural e teñan un impacto económico e social duradeiro tanto na resiliencia, como na sustentabilidade e na competitividade do territorio. Mais para abordar a nivel galego un reto de magnitude tal como o proposto pola Comisión Europea, cómpre que o punto de partida estratéxico estea sustentado en sólidos alicerces. E é precisamente nese punto de partida estratéxico onde é posíbel detectar unha mellora que suporía un salto cualitativo para o deseño dos programas e convocatorias autonómicas.  

A estratexia galega

O documento no que se recolle a Estratexia para a Transformación da Galiza, que supón a base para aplicación dos recursos Next Generation, a solución estratéxica do Executivo galego consistiu nunha aliñación das cadeas de valor de cinco áreas seleccionadas. A economía circular e transición enerxética, a mobilidade sostíbel, os hubs de innovación, industria 4.0 e TIC, as cadeas Mar Industria e Agro Industria e crecemento cohesionado e a sanidade e modos de vida saudábel, nova economía dos coidados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) definidos a nivel global pola Organización das Nacións Unidas (ONU). 

Se ben acollerse aos ODS definidos pola ONU non é un punto de partida totalmente incorrecto, esta proposta non deixa de resultar unha solución subóptima. En efecto, na estratexia galega non se observa a existencia de misións tecnolóxicas definidas en clave galega. Pero, por que sería importante contar con misións específicas para a modernización tecnolóxica da Galiza?

A economista Mariana Mazzucato, académica experta en innovación recoñecida a nivel global, sinala que a idea de misión precisa partir dun desafío ou problema que se quere resolver para logo formulalo de maneira que implique a diferentes sectores e incentive novas colaboracións entre eles. Un exemplo que se adoita empregar nos foros especializados para explicar a importancia e as implicacións da fixación de misións propias no emprego de recursos públicos é a chegada do home por primeira vez á Lúa, que deu orixe ao emprego do termo “salto á lúa”. 

Un novo ‘salto á lúa’

Os desenvolvementos tecnolóxicos logrados a través desta misión estadounidense permitiron non só pór un pé no satélite luar no ano 1969, senón que a realización desta misión implicou tamén que parte dos avances tecnolóxicos acadados fosen empregados durante décadas en mercados como a navegación aérea, as telecomunicacións ou a alimentación. As innovacións desenvolvidas permitiron aos milleiros de empresas participantes nesta misión contar con novas solucións adaptábeis para o consumo. Como consecuencia da implicación destas empresas, estas acabaron mellorando a súa posición competitiva global, logrando á súa vez o seu particular “salto á lúa”.

Unha proposta baseada en misións tecnolóxicas en clave galega, aliñadas cos ODS internacionais, suporía un salto cualitativo na planificación estratéxica da modernización económica. Nesta liña, poderíanse formular misións para a Galiza como, por exemplo, promover unha industrialización inclusiva e sostíbel que fomente a innovación no sector biotecnolóxico, conservar e empregar de forma sostíbel as rías e os seus recursos mariños e lograr que os asentamentos humanos sexan inclusivos e sostíbeis para o rural a través da promoción da produción enerxética e a economía circular na xestión de refugallos do sector primario. 

Unha misión como a proposta de exemplo para o emprego sostíbel das rías galegas, os resultados da mesma implicarían non só a limpeza das augas e dos fondos mariños, senón a recuperación dos ecosistemas danados, posíbeis melloras tecnolóxicas na sustentabilidade da frota mariña, a creación de empregos de calidade ligados ao sector medioambiental ou mudanzas normativas e de control para o tráfico mariño. Unha misión deste tipo podería implicar a realización de decenas de proxectos coa participación de numerosos axentes de moi diversos ámbitos e sectores, como empresas, centros tecnolóxicos e de investigación, administracións, ONG ou asociacións comarcais.

As misións de modernización tecnolóxica na Galiza

Para o éxito dunha misión tecnolóxica galega no sentido proposto por Mazzucato sería preciso que, para alén dunha clara definición da mesma, esta fose axustada á realidade do territorio para o que se dirixe. Ademais, debería existir arredor desta misión unha masa crítica suficiente de axentes involucrados. E máis aló, pero non menos importante, estas misións deberían ser coñecidas e interiorizadas por parte dos axentes involucrados, facendo partícipe das mesmas a sociedade en xeral. Por suposto, sería preciso tamén que os propios xestores públicos e planificadores acreditasen no papel tractor e xerador de novos mercados que as administracións públicas poden xogar como impulsoras iniciais das misións seleccionadas. Á vista do anterior, no actual escenario sería conveniente, sen dúbida, efectuar un esforzo para definir cales serán as misións de modernización tecnolóxica na Galiza para a aplicación de recursos Next Generation EU

Comentarios