A Galiza bate un récord de exportacións en 2021

Roupa, combustíbel e peixe experimentaron a maior repunta.
Terminal de contedores do porto exterior de Ferrol, en Caneliñas (Foto: APFSC).
photo_camera Terminal de contedores do porto exterior de Ferrol, en Caneliñas (Foto: APFSC).

A Galiza superou os 25.000 millóns de euros en vendas ao exterior en 2021, o que supón 21,1% máis que en 2020, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) esta cuarta feira.

Deste modo, os 25.270 millóns en vendas supoñen a maior marca de exportacións no país desde que existen rexistros. Igualmente, supéranse por quinto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros.

Este avance é semellante ao 21,2% que se experimenta nas exportacións do Estado español durante 2021, que suman 316.609 millóns de euros.

A roupa, o combustíbel e o peixe son as áreas que tiveron unha maior repunta no conxunto do ano na Galiza. No outro extremo, os peores rexistros vivíronse nas conservas de carne e peixe.

Balanza comercial positiva

As importacións que realizou a Galiza foron por valor de máis de 20.000 millóns de euros, o que se traduce nunha balanza comercial positiva de máis de 5.000 millóns —cunha taxa de cobertura de 125,6%—. Contrasta co caso do Estado, no que as importacións superan por 26.000 millóns as exportacións —taxa de cobertura de 92,4%—.

O peso da Galiza no conxunto do Estado español é de 8%. Entre territorios, o incremento interanual de 21,1% é o oitavo máis elevado. Á cabeza está Madrid, cunha repunta de 36,3%.

Por destino xeográfico, Francia é o país que recibe máis exportacións galegas, seguido de Portugal e Italia. Un dos países nos que hai maiores aumentos de vendas é Estados Unidos (+63,5%), que contrasta coa caída de 2,8% ao Reino Unido.

Comentarios