xoves 28/10/21

Galiza aposta na moeda social

A Sabia, que aspira a converterse na moeda social para toda Galiza, convive con proxectos como a Pancha ou os Revos. Eis un estrato da peza publicada no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza.
f3_MoedaSocial

Nos últimos anos floreceron na Galiza diferentes proxectos de moeda social, unha ferramenta para o intercambio de bens e servizos paralela á moeda oficial que serve, entre outros aspectos, para fomentar o consumo local, implicar a sociedade no desenvolvemento de actuacións en beneficio da comunidade, por en valor a prestación de determinados servizos pouco recoñecidos pola economía oficial, ou consolidar un mercado estábel sen fuga de valores cara o exterior. Un deses proxectos é a Sabia. Mario Martínez, un dos seus impulsores, explica a Sermos Galiza que esta ferramenta permitirá poñer en valor iniciativas de carácter ambiental e social na Galiza. De momento están na fase de sumar apoios. Cando  teñan 100 usuarias lanzarán a moeda, que abren a “calquera tipo de negocio” do territorio. Advirten, iso si, que os que teñan finalidades rexeitadas pola sociedade, como os que teñen que ver coa venda de armas, serán vetados. “Arrincar é o que máis custa”, recoñece Martínez, que conta con poder lanzar a Sabia “en 3 ou 4 meses”. “Canta máis xente se sume, menos risco terá o proxecto e máis beneficios achegará para as persoas usuarias”.

m3_MoedaSocial

Non é o primeiro proxecto para crear unha moeda social para todo o territorio galego. En 2006, a Asociación Cultural Fillos de Galiza lanzou os ‘Galeuros’, unha moeda virtual con paridade fronte ao euro que posibilitaba o intercambio de bens e servizos. Pero onde máis efectivas teñen demostrado ser estas moedas son no ámbito local. 

As Panchas en Ribadeo foron unha iniciativa do Concello e da Asociación de Comerciantes da vila que tiña como obxectivo dinamizar o comercio local nos meses de menor actividade. Como recoñece Xesús Pérez, xerente da asociación, “a experiencia foi moi boa”. Cada veciña ou visitante podía cambiar euros por panchas nas sucursais colaboradoras de Abanca. As previsións dos impulsores eran mover 30.000 euros, pero ao final foron case 100.000. Repartiron billetes impresos nun papel especial, con motivos locais como a Illa Pancha ou a casa dos Moreno, de 5, 10 e 20 panchas. O éxito foi tal, que mesmo xente de fóra da vila deixaba o documento de identidade no banco para ter os cartos dispoñíbeis a fin de semana. Neste caso, a finalidade da moeda era  moi diferente á do resto, xa que se trataba dunha acción comercial que, vistos os resultados, xa estudan repetir nos meses de febreiro ou marzo de 2020.

Sen débedas

En Santiago, o Proxecto Integral Compostela creou a Landra. baseada, ao igual que os Galeuros ou a Sabia, no crédito mutuo. A vantaxe deste sistema é que desaparece o concepto negativo de débeda, xa que no mesmo momento en que se fai un intercambio entre dúas persoas, unha obtén un ingreso e a outra unha débeda que irá recuperando cando ofreza algo a outra persoa polo cal recibirá un ingreso. A suma de todas as contas será sempre cero. Cando se chega ao máximo tanto positivo como negativo, hai que comezar a consumir ou a achegar. Se non se empregan, os cartos oxídanse, ou o que é o mesmo, aplícaselles unha taxa de 2% bimensual, e de 4% en caso de inactividade, é dicir, dous meses sen facer compras nin vendas. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

comentarios