Os galegos, pola obrigatoriedade de indicar a orixe do leite e lugar de envasado

Unha consulta da Unión de consumidores de Galiza canda UUAA e SLG indica a aposta dos consultados por acceder á información nos produtos lácteos. Tres de cada catro consideran que a información sobre o reparto, entre os distintos elos da cadea, do prezo que pagan polo produto tamén debería indicarse obrigatoriamente.

Cadea de envasado do leite
photo_camera Cadea de envasado do leite

A práctica totalidade dos galegos considera que a orixe do leite debe figurar obrigatoriamente nos produtos lácteos, así como que tamén debería indicar o lugar de envasado. Son dúas das conclusións da consulta deseñada por UCGAL (Unión de consumidores de Galiza) canda as organizacións Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego e na que tomaron parte máis de 1.400 persoas.

Preguntados polas mencións que ao entender das persoas consultadas deberían figurar na etiquetaxe dos produtos lácteos e en que medida deberían incluírse, o 95% consideran que a información sobre a orixe do ingrediente principal dos produtos lácteos e o procesado dos mesmos debería incluírse con carácter obrigatorio. Entenden tamén que debera incluírse obrigatoriamente a indicación sobre o lugar de envasado do produto o 89% dos participantes no estudo.

Ademais, tres de cada catro persoas consumidoras galegas consideran que a información sobre a alimentación que recibe o gando e o reparto, entre os distintos elos da cadea, do prezo que pagan polo produto tamén debería indicarse obrigatoriamente.

Para a Unión de Consumidores de Galicia estas cifras “desbaratan de forma rotunda” as opinións daqueles que avogan abertamente por un modelo de indicacións voluntarias sobre a orixe dos ingredientes principais dos alimentos. Lembran, ademais, que acaba de presentarse o borrador do proxecto de Real Decreto relativo ao etiquetado da orixe do leite como materia prima do leite e dos produtos lácteos, un texto que a xuízo dos representantes dos consumidores galegos non debera desaproveitarse para dar resposta a demandas como as reflectidas nesta consulta.

Comentarios