As galegas resístense a mudar de compañía da luz

Só 7,5% das persoas consumidoras galegas decidiron dar o salto a comercializadoras independientes de electricidade o pasado ano.
Sede de Naturgy
photo_camera Sede de Naturgy

Galiza é un territorio cunha identidade propia en materia enerxética. Non só polo feito de que boa parte da enerxía que se consume no Estado español se obtén dos recursos do país, senón polas particularidades do seu mercado. Durante décadas, Unión Fenosa foi a compañía de referencia no país, unha situación de dominio que segue a ostentar a pesar da liberalización do mercado eléctrico. 

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) vén de publicar o informe anual de supervisión dos cambios de comercializadora nos sectores eléctrico e gasista, un documento no que as particularidades galegas volven quedar retratadas. De feito, os galegos e as galegas son os máis fieis á súa compañía eléctrica no conxunto do Estado. Só 7,5% das persoas consumidoras decidiron dar o salto a comercializadoras independentes de electricidade o pasado ano, menos da metade da media estatal (16%). Non acontece o mesmo co mercado do gas, onde 8,2% optaron por cambiar cara ao mercado libre (7,8% de media no Estado español). 

O mercado eléctrico galego estaba composto a feche do ano pasado por 1,85 millóns de puntos de subministración, dos cales máis da metade atopábanse no mercado regulado (58%), a maior taxa do Estado español e moi por riba da media (37%). No que respecta ao mercado do gas natural, contou con 290.763 puntos de subministración, dos cales 22,1% atopábanse no mercado regulado.

Cota de mercado

No que atinxe á cota de mercado, a comercializadora regulada do grupo Naturgy posuía ao remate de 2019 case a totalidade dos contratos regulados (55,8% do total do mercado, no que os contratos regulados representan 58%), a maior posición de dominio do conxunto de territorios. Canarias, o seguinte no que unha compañía posúe unha cota destacábel, ten 43% en mans de Enerxía XXI, a comercializadora regulada de Endesa.

No caso do gas a situación non é tan rechamante. Neste caso, en Catalunya, onde xurdiu Gas Natural, Naturgy ten unha cota de mercado de 26,3%. Galiza estaría por detrás, cun peso da comercializadora de gas regulado no mercado de 21,9%. 

Como sinala a propia CNMC, os cambios rexistrados non supoñen necesariamente a marcha da compañía. En 2019, segundo o informe, 62,6% dos cambios foron dun operador regulado a outro libre do mesmo grupo.

Comentarios