O futuro de Meirama queda no aire

A central térmica de Meirama, en Cerceda, achégase ao final da súa actividade. O feche, previsto para finais de xuño, deixa na rúa medio cento de traballadores que seguen á espera de coñecer os plans de Naturgy para as súas instalacións, xa que deles depende a continuidade dos seus empregos. O parque eólico non sería unha solución.
Central térmica de Meirama, en Cerceda (Xoán Roberes)
photo_camera Central térmica de Meirama, en Cerceda (Xoán Roberes)

Naturgy, a propietaria da central térmica de Meirama (Cerceda), realiza hoxe a súa xunta xeral de accionistas, unha cita na que a eléctrica podería desvelar os seus plans para as instalacións galegas, unha vez o Goberno español confirme o seu feche definitivo, previsto para xuño. 

A falta dun mes, nada se sabe da alternativa industrial nin do futuro do medio cento de traballadores da central. No seu día, Naturgy falara de levantar neses terreos un parque eólico e un centro tecnolóxico de gas renovábel. O primeiro dos proxectos xa tivo contestación por parte da veciñanza das Encrobas, mentres que do centro de gas renovábel pouco se sabe. 

O presidente do comité de empresa da central, Miguel Anxo Iglesias, recoñece a Nós Diario que ninguén se puxo en contacto con eles para falar do que vai acontecer a partir de xullo. "Non entendemos por que non se queren comunicar con nós", lamenta. 

O cadro de persoal, que antes da crise da COVID-19, estivera en folga para reclamar respostas á compañía propietaria da central térmica, mobilizacións que non desbotan retomar de novo. "É unha tomadura de pelo", denuncia Iglesias, que exixe a constitución da mesa negociadora coa empresa e coa Xunta para abordar un acordo que satisfaga as partes. 

Onte mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Industria, Francisco Conde, a quen lle pediron a articulación de axudas para a recolocación dos preto de 50 traballadores da central. Leváronlle unha lista con todos os nomes para que quedara constancia dos que eran, "porque a partir de xullo alí non vai haber ninguén. Só os gardas de seguridade. Nós estaremos na rúa".

Malos precedentes

O cadro de persoal de Meirama mira con preocupación o que está a acontecer noutras centrais. Como relata o presidente do comité, en varias das que anunciaron o seu feche para este mes de xuño, cumprindo así o ditame de Bruxelas que impide seguir funcionando as centrais que non adaptaran a súa tecnoloxía para reducir as emisións, o acordo entre os sindicatos e as empresas "non se está a cumprir". "Os das contratas están todos despedidos", advirte Iglesias.

A empresa ofreceulles o traslado a outras centrais. "Ir a Ciudad Real, Tarragona ou Huelva con 1.100 euros é imposíbel", recoñece o líder sindical. Tamén teñen sobre a mesa unha compensación de 3,5 anualidades para aqueles que levan máis de 15 anos na empresa, e de 1,5 anualidades para os que non alcanzan estes prazos.

Pero eles o que queren é traballar. De feito, teñen as súas "dúbidas" de que a deixen cerrar (de momento o Goberno español non emitiu a orde). Neste sentido, Iglesias explica que a central está obrigada a arrancar para regular a intensidade das liñas. "Os parques eólicos vellos xeran moita enerxía reactiva que só podemos compensar aquí". 

Ademais, co carbón xa esgotado, Naturgy segue a procurar combustíbel para a central. Trouxeron xa un cargamento de 25.000 toneladas da central de La Robla (León) e teñen previsto buscar máis no mercado.

Biogás ou biomasa

Á espera de resolver todas estas cuestións e desvelar o futuro inmediato da planta, algo do que podería dar pistas a empresa na súa xunta de accionistas, o proxecto para levantar un parque eólico nos terreos da central xa iniciou a súa tramitación. 

Non é a solución preferida polos traballadores, xa que, apuntan, "só vai xerar un posto de traballo". Eles preferían unha central de biomasa, como a que levantou Greenalia en Curtis, ou unha planta de biogás a partir dos puríns dos animais. 

Esa podería ser unha das liñas de traballo do centro tecnolóxico de gas do que falara Naturgy no seu día, unha central de coxeneración a partir de biogás que si xeraría empregos para os actuais traballadores. 

Pero os plans de Naturgy poderían verse alterados coa entrada en vigor da nova Lei de Cambio Climático, aprobada no último Consello de Ministras. Xusto un día despois de que o Goberno dese luz verde ao inicio da súa tramitación, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) emitiu un informe no que recomenda "acompasar os obxectivos anuais de penetración na venda ou consumo de gases renovábeis na rede de gas natural á evolución tecnolóxica", xa que o seu custo de tratamento é aínda elevado.

O investimento por parte de Naturgy nesta tecnoloxía virá determinado polos posíbeis incentivos para a inxección de gas renovábel na rede, algo que, segundo o ditame do regulador, queda agora ligado á eficiencia entre custo e beneficio. 

Comentarios