O futuro do sector lácteo galego fica en mans do capital estranxeiro

A diagnose de situación do sector lácteo galego non podía ser máis evidente: grupos empresariais con sede fóra da Galiza lideran a facturación e non son quen de crear emprego estábel ao non apostar pola transformación no noso país. Cando se está a debater o emprego de fondos europeos para a recuperación pola crise da pandemia, a Xunta non ten na súa axenda apoiar un gran grupo lácteo propio. 
A exconselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, co responsábel do grupo Lactalis, Aurelio Antuña, nunha imaxe de arquivo (Xunta/ Xoán Crespo).
07/11/17
photo_camera A exconselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, co responsábel do grupo Lactalis, Aurelio Antuña, nunha imaxe de arquivo (Xunta/ Xoán Crespo). 07/11/17

O sector lácteo galego atópase desde hai anos nunha situación de forte debilidade estrutural en relación á súa industria. A súa importancia económica e social, fundamental para manter a poboación nun rural cada vez máis baleiro, non se traduce nunha rede empresarial propia senón todo o contrario: máis de 50% dos ingresos desta industria no noso país concéntranse en empresas con sede social no estranxeiro

Os datos achegados na Estratexia de dinamización do sector lácteo galego 2020-2025 presentada pola Consellaría de Medio Rural constatan esa dependencia. Nese documento, con datos de facturación e emprego de 2018, o Grupo francés Lactalis e a portuguesa Lactogal suman entre ambas uns ingresos, a partir das súas instalacións en Vilalba e Pontedeume respectivamente, de 970,9 millóns de euros, cando o total dos ingresos do sector sería de 1.830,3 millóns de euros. 

As empresas galegas mellor posicionadas por ingresos serían as Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) con 253,6 millóns e Leite Río con 133,6 millóns de euros. Segundo o informe ambas serían as únicas en aparecer entre as maiores industrias do Estado español, a primeira no posto 17 e a segunda no 16. En terceiro lugar estaría Aira, O grupo de coooperativas iniciado en 2018 coa fusión de Agris, ICOS, Cogasar, Coelplan e AIRA, con 126 millóns de ingresos.

Diferenzas entre facturación e emprego

Os ingresos e o emprego están fortemente concentrados na grande e mediana empresa: no segmento lácteo achegaron en 2017 un 96,5% da facturación e o 88,6% do emprego. Nas queixarías, as micro empresas só achegan o 15% da facturación e o 22% do emprego.

Máis acusada é a concentración de ganancias: en ambos os segmentos, un 10% de empresas suman case todos os beneficios. As diferenzas na creación de emprego tamén son importantes, sendo menor nas que máis ingresos teñen, Lactalis e Lactogal, que contan con 731 traballadoras e traballadores cando entre as empresas galegas CLUN, Leite Rio e Aira sumarían 781.

Falta de transformación dos lácteos galegos

A finais de 2019 había 7.142 explotacións leiteiras na Galiza, segundo os datos do Fondo Estatal de Garantía Agraria (FEGA). Entre elas produciron 2,8 millóns de toneladas de leite ese ano, o que representa 38,6% de todo o leite producido no Estado español. Aínda así, só transforma 51,7% do leite recollido, 1,4 millóns de toneladas. A potencialidade no eido produtivo non vai parella ao seu desenvolvemento económico e social.

No estudo sinálase que entre os problemas máis importantes do sector salienta principalmente a debilidade do tecido industrial, “especializado en derivados simples de escaso valor engadido, orientados ao mercado estatal e a incapacidade de transformar na Galiza todo o leite que se produce”. Esta sería unha das razóns, segundo o informe, que “explicaría en boa parte os baixos prezos que reciben os gandeiros galegos polo leite”.

Potenciar a entrada de grupos estranxeiros

Diante desta situación o informe, avalado por Medio Rural, non indica como unha actuación prioritaria o apoio ao desenvolvemento dun gran grupo lácteo galego, unha das demandas das principais organizacións agrarias do noso país.

De cara ao período que abrangue até 2025, e no apartado para a industrialización do leite, sinala como negativo e, polo tanto, subsanábel, "a escasa ou nula presenza dalgúns dos principais grupos empresariais da industria láctea española ou de multinacionais con presenza no Estado español, como Danone, Grupo Pascual, Grupo García Baquero, Reny Picot (ILAS), Schreiber ou Iparlat".

Comentarios